Momento de 'Reconversión' Foto: Ibuprofeno teatro
A lista de candidaturas da 29ª edición dos Premios MAX de Artes Escénicas recolle nas súas 22 categorías ata 174 espectáculos dos 512 presentados ao certame. Estes galardóns convocados desde a Fundación SGAE pasarán a agora a unha seguinte fase de votacións ata chegar a un listado de finalistas e dar a coñecer os gañadores nunha gala que terá lugar no teatro Romano de Mérida o 1 de xuño. Este a o a presenza da escena galega xa nesta primeira fase resulta escasa. Mantéñense con opcións en algunhas categorías dous espectáculos teatrais e dous de danza contemporánea.
'Reconversión', a montaxe na que Santiago Cortegoso tira da experiencia do seu propio pai nos estaleiros para facer un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo, é o único espectáculo da produción privada galega do pasado ano que aparece nesta lista de candidaturas. Con el a compañía Ibuprofeno Teatro insírese nas opcións ao premio a mellor espectáculo de teatro e Santiago Cortegoso sitúase entre os posibles receptores do premio e mellor autor teatral. Ademais o elenco conformado polo propio Cortegoso xunto a Artur Abad; Cristina Collazo/Graciela Carlos; César Goldi; Celia González; Davide González; Fran Lareu; e Nani Matos tamén entran entre os candidatos na nova categoría do certame este ano que premia os elencos no seu conxunto. Nesa mesma categoría de Mellor Elenco Teatral insírese tamén unha das candidaturas de 'A burra, a mesa e o pau', o espectáculo do CDG escrito e dirixido por Lorena Conde, unha fábula obreira con 15 intérpretes sobre as táboas. A montaxe do Centro Dramático Galego mantén candidaturas tamén para a propia Lorena Conde pola Dirección de escena e para Carmen Casal e Montse Piñeiro (deseño de espazo escénico e videoescena). Cabe destacara tamén a candidatura de Marta Pazos, como Mellor dirección de Escena por 'Orlando' do centro Dramático nacional.
PRESENZA DA DANZA
Nas categorías de danza dúas producións galegas do xénero contemporáneo acadan opcións nesta fase de candidaturas. A montaxe 'Transeunte' de Daniel Rodríguez Cia. opta na categoría de Mellor espectáculo de Danza e polas súas composicións musicais optan tamén a premio Javier Carreño, Aida Tarrío, Artur Puga e Acacia Ojea. O espectáculo tamén compite co propio Daniel Rodríguez como candidato á mellor coreografía e na categoría de mellor elenco de danza. Nestas dúas categorías 'Transeunte' comparte candidaturas co 'Bausbank' de Elvi Balboa, que tamén sitúa a Joel Pradas e Berta Pascual como posibles mellores intérpretes masculino e feminina de danza.Ademais o espectáculo de Elvi Balboa entra nas candidaturas a mellor autoría revelación.




