Nova Galega de Danza acada cinco candidaturas aos Premios MAX

'Resaca' e 'Nacidas libres' tamén conseguen opcións nesta fase inicial dos galardóns

A lista de candidaturas de toda España admitidas para os Premios MAX de artes escénicas da Fundación SGAE coloca ao espectáculo SON de Nova Galega de Danza como a presenza galega máis destacada nesta fase inicial dos galardóns. Cinco categorías desta XXIª edición dos premios contemplan entre as súas opción esta montaxe realizada en coprodución coa Agadic a través do Centro Coreográfico Galego. En concreto a produción opta a ser finalista na categoría de Mellor Espectáculo de Danza; Mellor Coreografía (Jaime Pablo Díaz, Carlos Rodríguez e Carmelo Segura); Mellor Composición Musical (Sergio Moure de Oteyza); Deseño de Vestiario (Sara Sánchez; Mellor Deseño de Iluminación (Luis Perdiguero). As opcións da escena galega nesta fase dos premios as completan as dúas candidaturas de Autoría Revelación (Tito Asorey e Ana Carreira) e Espectáculo Revelación para a obra Resaca de Il Maquinario Teatro e a de Mellor Autoría teatral para Cándido Pazó por Nacidas libres (Contraproducións).

Unha decena de pezas que mesturan danza tradicional galega e española, flamenco e baile contemporáneo interpretadas por un grupo de homes. Esta é a proposta de SON, o espectáculo de Nova Galega de Danza. Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez corren coa dirección artística, actúan como bailaríns principais e desenvolven a coreografía do espectáculo, labor este último con que contaron como convidado con Carmelo Segura para a parte de baile contemporáneo. Tras esta primeira fase de selección, un tribunal formado polos tres presidentes dos xurados territoriais, catro persoas relevantes das Artes Escénicas e un membro do comité organizador, será o encargado de decidir os finalistas das 19 categorías que concursan na 21ª edición dos Premios Max das Artes Escénicas.