Carlos Ares encabeza as candidaturas finalistas dos Premios MIN

Baiuca, María Toro e Grande Amore mantéñense con opcións a algúns dos galardóns

| Santiago. Redacción / S. Montes | Seccións: Música
Compartir:
Capa do disco 'La boca del lobo' de Carlos Ares

Capa do disco 'La boca del lobo' de Carlos Ares

Os Premios MIN da música independente española convocados pola Ufi (Unión de fonográficas independentes) veñen de pasar unha nova fase e desvelar os candidatos finais das súas categorías. Se ben na anterior lista, de semifinalistas elixidos por un xurado profesional amplo, podíamos falar dunha destacada presenza de artistas galegos en varias categorías, a nova lista curta decidida por un xurado tamén máis pequeno deixou sen opcións a gran parte da escena galega. Non é o caso do coruñés Carlos Ares, cuxa presenza mantense como unha das propostas con maiores opcións desta edición dos galardóns xunto á canaria Valeria Castro. Seis son as candidaturas que o músico mantén de cara ao proceso final grazas ao seu celebrado disco 'La boca del lobo'. 

Ares está presente en tres candidaturas con "La boca del lobo", tales como Premio ONErpm a Álbum do Ano, Premio AGEDI a Mellor Álbum de Pop e Premio SAE Madrid a Mellor Produción Musical. Ademais, opta ao Premio Radio 3 a Canción do Ano por 'Días de perros', ao Premio MIN 2026 a Mellor Artista Emerxente e ao Premio INGRESSE a Mellor Directo.

 

Entre as candidaturas galegas que se manteñen neste listado, cabe destacar a presenza do trío Grande Amore co disco 'III' como candidatos ao Premio a mellor Álbum de Rock así como a da coruñesa María Toro con 'Mestura' como candidata a Mellor Álbum de Jazz. Tamén Alejandro Guillán (Baiuca), un habitual destes galardóns, mantén as súas candidaturas polo tema "Xorieri", presentade xunto con Oreka Tx e que segue coas opcións ao Premio a Mellor Gravación de Electrónica e ao premio a Mellor Produción Musical.  Na categoría que distingue aos traballos executados en lingua galega o listado de candidatos finais queda conformado por "Lovismo", de A banda da loba; "Feira", de De Ninghures; "Alvela", de Faia Díaz Novo; "III", de Grande Amore e "Mestura", de María Toro. Completa a lista das presenzas galegas candidatas o ilustrador e deseñador gráfico Guillermo Arias polo traballo gráfico realizado para o disco "Mañana y siempre", dos grovenses Nadadora. Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro 25 de marzo.

Que che parece esta nova?
118 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Carlos Ares, Ares, María Toro, Grande Amore...