Grande Amore é o proxecto en galego que máis postos semifinalistas acada este ano. Foto: Esther Estévez
As listas dos semifinalistas na 18ª edición dos Premios MIN da música independente de España trae un retrato da puxanza da creación musical actual de Galicia. A través dun xurado profesional amplo, conformado por arredor de 300 persoas, ven de presentarse unha selección de semifinalistas nas diferentes categorías destes galardóns convocados pola Ufi (Unión de fonográficas independentes). Con artistas galegos presentes na maioría delas, é no Premio ao Álbum do Ano 2025 onde a presenza de artistas galegos acada cotas máximas, resultando que dos 29 discos semifinalistas do Estado, son 14 os que levan sinatura galega, practicamente a metade. Ademais diso, moitos de eles destacan en unha ou varias categorías con vistas a seguir nas seguintes fases cara aos premios. Un xurado máis reducido de profesionais especializados proseguirá agora a selección de finalistas e gañadores.
Catorce son estes discos con sinatura galega que aparecen nesa lista de 29 álbums semifinalistas de todo o Estado español. Os nosos representantes amosan ademais un retrato da escena musical galega do máis variado en canto xéneros: desde o hip-hop ao neo-trad, pasando por rock, jazz, electrónica, música urbana, punk, canción de autor e pop. Toda unha representación dunha puxanza da creación musical actual galega que non pode pasar desapercibida xa a ollos de ninguén. Esa mesma variedade pode verse tamén na categoría específica para discos en idioma galego, na que os 16 semifinalistas son tamén unha mostra desa diversidade e calidade actual.
Respecto ás presenzas destacables dos nosos artistas no resto das categorías, hai algúns nomes que acumulan posibilidades en varias delas. Compre sinalar ao trío Grande Amore, que grazas ao seu disco III (Ernie Records), está entre os posibles premiados a Artista do Ano; Mellor Videoclip (ontes fun moi malo); Mellor Álbum de Rock; Mellor Produción Musical e Mellor Deseño Gráfico, ademais das dúas anteriores de Álbum do Ano e Disco en galego, premio este que xa recolleu o pasado ano. Pola súa banda o coruñés Carlos Ares é o outro artista de Galicia con máis presenza nesta fase dos 18 Premios MIN. O seu disco 'Laboca del lobo' colócao non só como semifinalista a mellor álbum, senón tamén como posible Mellor artista emerxente. Ademais a súa candidatura aparece tamén na s categorías de Mellor álbum de Pop; Mellor Directo; Canción do Ano (Días de perros); Mellor videoclip (Páramo); Produción Musical e Mellor Deseño Gráfico. Nas listas tamén aparecen en varias categorías artistas como Baiuca, María Toro, Germán Díaz & Benxamín Otero ou Saibran entre outros.




