Baiuca entra en oito categorías dos Premios MIN

Malia non ter álbum as Tanxugueiras acadan catro semifinais nos galardóns da música independente estatal

Malia non ter álbum as Tanxugueiras acadan catro semifinais nos galardóns da música independente estatal
Baiuca
Os Premios MIN da música independente en España xa teñen semifinalistas, elixidos polas votacións do público. A proposta de electro-trad, ou folktrónica segundo se prefira, de Baiuca é o proxecto musical galego máis presente nas listas, aparecendo ata en oito categorías destes premios. Séguenlle con catro postos semifinalistas as Tanxugueiras e a Banda da Loba. Triángulo de Amor Bizarro, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras ou Chicharrón son outras das formacións galegas que se manteñen nas listas tras o proceso de votacións populares. Na categoría de álbum en galego son quince as producións que competirán este ano e que terán que pasar pola seguinte fase de votación do xurado profesional.

Está claro que Baiuca conseguiu enfeitizar a moita xente co seu 'Embruxo' (Raso estudio) co que xa conseguira antes ser finalista do Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales. Neste caso a proposta de folktrónica tribal aspira ata a oito galardóns. A lista das candidaturas semifinalistas do músico é longa e amosa o seu acerto e tamén o nivel de calidade que soubo transmitir co seu recente disco: premio The Orchard ao mellor álbum; o premio SAE Institute á Mellor Produción Musical; o premio AIE a Mellor Artista Emerxente; o de mellor gravación de electrónica; o premio Ticketmaster ao mellor directo e os premios Radio 3 a mellor canción para 'Veleno', o tema feito con Rodrigo Cuevas e de mellor videoclip para o mesmo tema. Ademais, como non, o disco entra tamén nas candidaturas a mellor álbum en galego do ano pasado.


Tanxugueiras sen álbum
As Tanxugueiras non chegan como sorpresa aos Premios MIN, que xa gañaron co seu traballo de debut en 2018 como mellor disco en galego do ano. Agora as cantareiras chegan como unha das grandes revelacións, aínda que sen álbum aínda, competindo en ata catro categorías xerais nas que os votos do público as colocan como serias candidatas. En tres delas coinciden as cantareiras con Baiuca, será nas de Mellores artistas emerxentes do ano pasado, con 'Terra' como candidata ao Premio Radio 3 a mellor canción do ano e con 'Figa' no Premio a mellor videoclip. Ademais diso, a canción presentada ao Benidorm Fest é tamén unha das máis votadas no Premio a mellor letra orixinal do ano.


A loba chega con fame
O EP 'Hasme oír', co que A banda da loba puxo música a versos da escritora Xela Arias, homenaxeada o pasado ano co Día das Letras Galegas, entra grazas ás votación do público en catro categorías destes galardóns da música independente organizados pola Ufi. A formación entra como única galega semifinalista para o Premio Amazon Music a Mellor Artista e para o Premio AGEDI ao Mellor Álbum de Pop. Ademais diso compite no premio xeral a mellor disco do ano, patrocinado por The Orchard e entra entre as quince propostas semifinalistas para galardoar o disco en lingua galega desta pasado 2021.


Presenza do folk á electrónica e na música urbana
Son varios os artistas galegos que acadan tamén o favor do público en varias categorías desta edición dos premios. A enorme variade que representan musicvalmente dá boa mostra da riqueza musical que se está a producir no noso país. Ademais das formacións xa citadas con base tradicional, tamén destaca este ano a presenza do dúo Caamaño & Ameixeiras, o dúo formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) que este ano acudirá a festival intercéltico de Lorient consegue entrar na lista de semifinalistas a mellor álbum estatal do ano co seu 'Aire!', co que tamén entran na lista de candidatos a Mellor álbum de música de raíz, sendo a única representación galega da categoría. Outra presenza da nosa escena que amosa boa forza nesta fase dos galardóns é a de Ortiga, o proxecto de electro-cumbia desenfada do século XXI de Chicho entra tamén con forza grazas ao seu 'Sabes el camino que elegí' (Ernie Records, 2021) co que está na lista do premio The Orchard a mellor álbum estatal e na do Premio á Mellor Gravación de Música Urbana. Curiosamente nesta categoría o artista compite consigo mesmo, xa que tamén está presente polo seu traballo en 'Los Rastreadores', proxecto que comparte co artista Grande Amore. Este último é tamén semifinalista co seu disco de debut homónimo na categoría de disco en galego e na de álbum de rock. Nas categorías estatais completan a presenza galega Abe Rábade con 'Sorte', no premio a álbum de jazz; BFlecha con 'Exnovo' e Chicharrón con 'Unha fronteira intacta' entre os semifinalistas para o premio á Mellor Gravación de Electrónica e Berto, a metade de Verto, que entra co seu debut en solitario 'Viaxe ao espazo interior' como semifinalista a Mellor Gravación de Música Urbana.


Os quince en galego
Os premios a mellor álbum en galego, que a diferenza daqueles en éuscaro e catalán auspiciados polo Etxepare Euskal Institutua e o Institut Ramon Llull, non teñen ningunha institución cultural que lles dea nome disputaranse este ano entre quince propostas do máis variado musicalmente, coa lingua como nexo común entre elas. Xustamente Berto compite consigo mesmo aquí ao estar presente tamén como parte do dúo Verto co seu 'Embora'. A lista a completan os traballos sacados o pasado ano por Xoán Curiel, Xurxo Fernándes, pauliña, Os resentidos, Os d'abaixo, Mounqup, Manseliña, García MC, CRNDS, Chicharrón, Grand Amore, A banda da Loba e Baiuca. O 6 de abril comunicaranse os finalistas designados polo xurado entre os que xa estarán os gañadores, que se darán a coñecer o 27 de abril nunha gala no Navarra Arena de Pamplona.


TAB non falla
A presenza de Triángulo de Amor Bizarro nas quinielas e mesmo nos palmarés dos Premios da Música Independente estatais é xa unha constante desde fai varioas anos. A banda barbanzá ten nos seus andeis numerosos premios destas convocatorias anteriores, saíndo nalgunha ocasión deles como vencedora absoluta. Nesta edición os TAB non falta á cita e os seus seguidores volven colocalos nos postos semifinalistas grazas a un traballo que realmente fan outros músico explorando os temas da banda galega. Foi o disco "Detrás del espejo. Variaciones y eco" (Mushroom Pillow, 2021), no que varios artistas colaboran, interpretaran ou remesturan as doce composicións do anterior disco da banda, de 2020. O disco opta a mellor álbum do ano; a mellor álbum de rock e a banda entra tamén como semifinalista a mellor directo, unha candidatura que xa é habitual deles nestes premios.