Once producións compiten por se facer cun dos Premios María Casares de teatro que convoca a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Encabeza as opcións a obra Un cranio furado, de producións excéntricas, que opta a 10 categorías, seguida polas sete candidaturas de Memoria de Helena e María, de Teatro do Atlántico e mais de As actas escuras do Centro Dramático Galego. En total foron 37 os espectáculos que se presentaron a algunha das 13 categorías destes galardóns, dos cales once entraron na final. Os premios entregaranse o vindeiro 23 de marzo durante unha gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

