Teatro do Atlántico e Sarabela acumulan candidaturas nos Premios María Casares

A Asociación de Actores e Actrices entregará os galardóns o 30 de marzo na Coruña

2/3/2016 | Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatro
21 lecturas | Compartido 0 veces

Fotografía dos candidatos aos XX Premios María Casares

Unha festa no Salón Teatro de Compostela acollía na noite de onte a presentación das obras finalistas aos XX Premios María Casares de Teatro. Os membros da Asociación de Actores e Actrices, que organiza os galardóns, canda a críticos e profesionais do sector votaron as candidaturas ás 14 categorías destes recoñecementos. Finalmente compiten un total de catorce obras nos diferentes apartados, e destacan polo número de nomeamentos O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, que aspira a 8 galardóns, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, con sete, e Presidente, de Teatro do Morcego, que é finalista en 5 categorías. As tres montaxes compiten ademais por se facer co premio á mellor obra.
Por tras delas, Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, acadaron cadanseus 4 nomeamentos, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 premios. Na categoría de mellor espectáculo infantil compiten Feo! de Caramuxo Teatro, Jim e a illa do tesouro de eme2 producións e mais Manawee de Matrioshka Teatro. Pola súa banda, o premio á mellor dirección despútano Alex Sampayo, por Noiteboa, Jose Prieto por Presidente e Xúlio Lago polo seu traballo en O Principio de Arquímedes.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 30 de marzo nunha gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Universo culturagalega.gal