Un PXOM galaico

A nova campaña no castro de san Vicenzo de Avión amosa as condicións de urbanismo nos poboados da Idade do Ferro

| Santiago. Redacción | Seccións: HistoriaPatrimonio
Compartir:
A nova área escavada no castro de san Vicenzo. Foto: Vive Avión - Asociación Cultural

A nova área escavada no castro de san Vicenzo. Foto: Vive Avión - Asociación Cultural

“Imaxino os habitantes do castro, coa súa vara de 70 centímetros, marcando a que distancia había que construír cada nova vivenda”, explica o arqueólogo Jorge Lamas, director das intervencións arqueolóxicas no castro de san Vicenzo (Avión). Na campaña arqueolóxica que acaba de rematar neste castro, conforme os arqueólogos ían localizando novas cabanas e estruturas, esa regra de separación das vivendas cumpríase como se aqueles galaicos tiveran que cumprir a normativa municipal: todas  as cabanas estaban separadas por unha distancia do redor dos 70 centímetros. “Cumpríase en todas e mesmo ao final da campaña, cando nos apareceu unha nova no estremo da sondaxe, tamén respectaba eses setenta centímetros”, explica Lamas. O padrón leva a pensar nunha unidade de medida que no castro de san Vicenzo servía para organizar a distribución das vivendas na croa. Este curiosa coherencia parece repetirse noutros castros, aínda que non se teñen realizado traballos específicos sobre o asunto. 

Esta nova campaña no castro de san Vicenzo de Avión rematou a semana pasada. As escavacións están promovidas pola comunidade de montes de san Xusto e a asociación Vivesan xusto Avión, quen conseguiu financiamento do Grupo de Desenvolvemento Rural. Desta volta abríronse sondaxes en dous espazos da zona superior deste amplo castro que domina o centro do concello de Avión. “Buscamos entre a muralla da croa e a  intermedia, na procura dalgún tipo de alxibe”, explica Lamas, “pero o que comprobamos é que a muralla estaba sobre a rocha, e localizamos unha muralla de 70 centímetros de ancho e paramento helicoidal moi ben conservado, con noventa centímetros de alto”. 

 

Os achados máis produtivos déronse na croa, onde os arqueólogos continuaron revelando a trama urbana do xacemento a partir da escavación do ano pasado, onde apareceran dous espectaculares baixorrelevos galaicos. Ao abrir 180 metros cadrados novos, localizaron un importante conxunto de construcións que comezan a amosar un entramado urbano que nace da Idade do Ferro e continúa en época romana. 

 

A misteriosa estatua

“Traballamos nunha zona na que había fochancas de furtivos, e agardabamos atopar a capela de san Salvador, que se conserva na memoria da zona”, explica Lamas. A procura non era menor, por mor dunha enigmática referencia documental. En 1883 Cesáreo Rivera e Víctor M. Vázquez publicaran na súa pioneira Guía de Galicia unha descrición do castro de san Vicenzo que incluía un misterio: “en el centro del castro sorprende una estatua de piedra, borrosa, carcomida y desfigurada por el musgo y la humedad, de apariencia bizantina y de altura de un metro, estatua que según los supersticiosos montañeses es la efigie de san Salvador, encontrada en una de las frecuentes excavaciones que practicaron en el castro en busca del imaginario tesoro”. O destino da estatua non quedou moi claro. No blog da asociación Vive Avión cóntase que alguén descabezou a estatua e rodou a testa monte abaixo “para non aparecer nunca máis”. Jorge Lamas explica outra versión, na que un cura tería entregado a estatua ao museo arqueolóxico de Ourense pero non aparece rexistrada alí. Da estatua non hai nin trazas pero dos buracos dos cazadores de tesouros si quedan evidencias por todo o recinto. 

 

A capela non apareceu, pero si unha densa trama de vivendas. “Apareceron estruturas por todos os lados. Unha cabana circular duns sete metros de diámetro, cun adro de acceso, a porta, unha lareira central e un banco corrido enfronte da entrada. E en canto ampliamos cara o oeste a 60 centímetros apareceu a cabeceira doutro muro e outra cabana circular de case cinco metros de diámetro”, conta Lamas. Con todo, as formas que aparecían teñen a súa particularidade. Da cabana grande sae unha estrutura rectangular da que aínda non foi localizado o final. “Non sabemos se as dúas estruturas estaban conectadas”, explica o arqueólogo, “aínda que si son claramente de épocas distintas”. Mentres a cabana circular deu algúns materiais do século II a.C, a estrutura rectangular pertence xa a época romana, entre os séculos I e II d.C. “Alí apareceu unha cantidade enorme de cerámica de todo tipo, tanto castrexa como algún fragmento de ánfora romana”, explica Jorge. “Temos por analizar dous palés de cerámica”, di entre risos. 

 

A escavación amosa as sucesivas transformacións do espazo do castro. “Atopamos uns furados de poste de estruturas anteriores, feitas con material perecedoiro, e que poden pertencer ao momento fundacional do castro. Primeiro construían a muralla e mentres vivían en cabanas de materiais vexetais”, explica. E logo puideron apreciar como as vivendas foron sufrindo reformas e transformacións, mesmo cambios na orientación das portas. Tamén observaron que un dos tellados das cabanas estaba soportado por postes no exterior, no canto do tradicional soporte no interior. Tamén un sistema de canalización de augas que parece evacuar as escorrentías dun pequeno promontorio localizado no centro da croa, de reducido tamaño. Precisamente na planificación das vindeiras campañas, a Xunta ten interese en intervir nese espazo, que parece ocupar un lugar preeminente sobre todo o poboado. 

 

A comunidade de montes e a asociación veciñal queren continuar coas intervencións, explorando outras áreas do castro coma no recinto inferior. “Xa non só por cuestións turísticas”, explica Lamas, “Aquí en Avión os veciños queren continuar porque senten que aquí están os seus devanceiros, pero ademais este é un concello de emigrantes, e o castro fainos sentir máis próximos ás súas raíces”. 

Que che parece esta nova?
93 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

O custe de facerse unha sauna

O custe de facerse unha sauna

A nova campaña no castro cedeirés do Sarridal amosa que foi preciso destruír parte do poboado para construír o monumento en plena Idade do Ferro

Universos

Claves