As Residencias Paraíso apoiarán dez iniciativas de danza e artes vivas

Unha decena de espazos de todo o país acollerán os proxectos seleccionados

| Santiago. Redacción | Seccións: danzaespectáculos
Compartir:
As Residencias Paraíso apoiarán dez iniciativas de danza e artes vivas

Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü desenvolverán as propostas seleccionadas na décima edición das Residencias Paraíso. O programa de apoio á danza e ás artes vivas que promove o colectivo RPM daba a coñecer este 7 de abril a resolución desta xeira, que bateu a marca de participación cun total de 209 proxectos presentados.

Segundo sinala a organización, Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. "Baseado na investigación artística de Corral Cid, o proxecto mestura arquivo e performance, acompañado pola música de Reboredo, para revisitar a memoria folclórica galega e repensar os arquetipos rexionais do franquismo". O Vello Cárcere de Lugo acollerá a proposta da arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán sobre Como cuando el pelo se eriza, no que a través do movemento e do son, "imaxina un corpo impaciente que habita a ausencia e a especulación, traducindo esta enerxía en danzas e cantares que flúen entre o desexo, a clase e o tempo". No mesmo espazo, o asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II - La conferencia montañera. A iniciativa "toma a forma dunha conferencia expandida na que a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse, transformando a relación entre espectador, corpo e entorno". 


A compositora e cantante galega BFlecha, o produtor musical galego Mwëslee, a cineasta e montadora galega Diana Toucedo, e os artistas galego–madrileños Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld, desenvolverán o proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí) entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro de Compostela. No mesmo "música viva, materia vibrante, imaxe, cinema e a intervención de voces pensadoras crean un espazo escénico onde o colectivo xera unha forza maior, capaz de entrelazar o humano e o non humano". Os mesmos espazos acollerán o dúo formado por Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü con Monxa Millo Sentinela, unha montaxe que "explora a cultura popular, os corpos e a paisaxe do territorio galego a través da desarticulación das promesas incumpridas que os atravesan" nunha proposta que "cuestiona nocións de xénero, performatividade e memoria cultural, combinando ficción, documental e creación colectiva". 


En La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam desenvolverá o proxecto Phantom, "unha investigación sobre a relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación. A través de beats, melodías e sets de DJ, Bardam constrúe un corpo fantasmagórico que se desvanece, deixando espazo a que todo baile emerxa". Artistea, en Ponteareas, acollerá o colectivo galego-navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez co proxecto Botar de menos o futuro, "unha investigación sobre a desorientación, a falta de pertenza e a nostalxia dun futuro que non viviremos". O bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez abordará a proposta Transfixión nunha residencia situada no Convento de Santa Clara, dentro do marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Esta peza explora "o facer e o misticismo de baixa intensidade" mediante a xeración dun espazo "onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética". 


A Casa da Cultura de Vimianzo e mais o Pazo da Cultura de Narón, recibirá o bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen," unha investigación sobre o duelo e a tradición de velar" que "explora a fisicalidade límite e a capacidade residual dun corpo canso que segue a moverse, convidando á pausa, á intimidade e á reimaginación do ritual a través dunha perspectiva cuir e contemporánea".

 

Finalmente, o artista brasileiro-portugués Pedro Vilela será o convidado na residencia artística na Igrexa da Madalena, dentro do marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Alí desenvolverá o proxecto Zoombies, "unha investigación escénica que utiliza a figura do zombi como metáfora para analizar a construción de inimigos externos ao longo da historia. Mesturando teatro, cultura pop e discurso político, a creación "explora como o medo e a deshumanización se empregaron para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial". 

 

Cristina Planas Leitão, Diego M. Buceta, Laura Tabarés, Félix Fernández e Caterina Varela encargáronse de seleccionar as propostas desta edición. Cada unha das propostas seleccionadas contarán cunha achega económica de entre 1.500 e 3.000 euros para o seu desenvolvemento. As propostas seleccionadas acompañaranse dunha programación expandida nos diferentes espazos de residencias e participarán no Encontro Residencias Paraíso, que se desenvolverá entre o 18 e o 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves