
Con estes fondos o programa quere "favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico". Segundo explica a presentación da iniciativa "Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar".
Entre abril e outubro de 2024 as iniciativas seleccionadas desenvolverán as súas estadías no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.
Ademais, as e os artistas residentes participarán nun encontro anual promovido que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Para este 20 de febreiro está prevista unha sesión informativa en liña para as persoas que aspiren a participar do programa.
O programa conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.