As Residencias Paraíso chegan con menos fondos á súa cuarta edición

O colectivo RPM convoca o seu programa con 15.000 euros para sete proxectos

| Santiago. Redacción | Seccións: Danza
Compartir:
As Residencias Paraíso chegan con menos fondos á súa cuarta edición

Desde este 17 de febreiro e ata o vindeiro 8 de marzo está aberta a convocatoria para participar na cuarta edición das Residencias Paraíso. O programa que desenvolve o Colectivo RPM para promover "a investigación e a creación arredor da danza e das artes vivas contemporáneas" conta nesta ocasión cuns fondos de 15.000 euros que financiarán sete proxectos. Isto supón unha redución fronte aos 20.000 euros e dez proxectos que se apoiaron na anterior xeira.

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o Pazo da Cultura de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, o Vello Cárcere de Lugo, a Normal da Universidade da Coruña, a Igrexa Santa María da Magdalena de Ribadavia e mais o Salón Teatro de Compostela son os espazos que entre xuño e setembro acollerán as residencias. As compañías seleccionadas disporán de entre dúas e tres semanas para investigar e desenvolver as súas propostas, cun orzamento de entre 1.500 e 3.000 euros por proxecto.

Para o vindeiro 26 de setembro está previsto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia de Santiago o desenvolvemento dun encontro aberto ao público. Neste evento participarán representantes das persoas que participaron nas residencias e mais dos espazos colaboradores do programa para compartir as claves das diferentes experiencias.

Que che parece esta nova?
73 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Residencias Paraíso, Danza, Teatro, Mozart...