As Residencias Paraíso perden orzamento na súa IX edición

O programa apoiará 8 proxectos coreográficos cun total de 20.000 euros

O programa apoiará 8 proxectos coreográficos cun total de 20.000 euros
Ata o vindeiro 7 de marzo está aberto o prazo para presentar propostas á IX edición das Residencias Paraíso. O colectivo RPM convoca o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas cun orzamento total de 20.000 euros, 2.000 euros menos que na anterior xeira. A mingua orzamentaria implica que só se apoiarán 8 proxectos no canto dos 9 que participaron da iniciativa en 2024.

As montaxes seleccionadas disporán dun orzamento de entre 1.500 e 3.000 euros cada unha, ademais dunha estadía de traballo nos espazos que participan do programa. O Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e o Pazo da Cultura de Narón acollerán esta iniciativa. Estes lugares albergarán tamén unha programación expandida organizada coas artistas participantes. Segundo explica a convocatoria, "nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc."

O programa pretende "favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico". Para alén da dotación económica e da estadía nos espazos escénicos, os proxectos seleccionados participarán no encontro anual que o Colectivo RPM desenvolve cada mes de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

O proxecto conta co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, do Concello de Vimianzo, do Concello de Carballo, do Concello de Corcubión, da MIT (Concello de Ribadavia) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.