As axudas a rodaxes destinan 2,2 millóns a atraer producións

Manteñen o orzamento do pasado ano e o financiamento europeo Feder

| Santiago. Redacción | Seccións: AudiovisualPolíticas Culturais
Compartir:
As axudas a rodaxes destinan 2,2 millóns a atraer producións

Contando cun orzamento de 2,2 millóns de euros, a Xunta convoca hoxe a través do Diario Oficial de Galicia unha das súas  liñas de subvencións ao sector audiovisual con máis peso dos últimos tempos. Trátase da concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, que comezou a poñerse en marcha no 2021 dentro do Hub Audiovisual deseñado no seu momento para axudar a paliar os efectos económicos da pandemia no sector. 

Os 2,2 millóns que se dedican en dúas anualidades, a mesma cantidade que o pasado ano, están cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Estas subvencións destínanse a producións, tanto de longametraxes coma series, que teñan como destino final principal a exhibición cinematográfica comercial ou a emisión en canles de televisión ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda con implantación xeográfica nacional e internacional.

 

A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), pretende deste xeito estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por unha banda, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable e o mantemento do emprego de calidade das empresas e, por outro, situar Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional. Aínda está pendente a presentación da Galicia Film Comission, anunciada xa fai dous anos, como ferramenta para manexar esta liña de axudas e outras xestións que teñen que ver coa promoción da produción audiovisual en territorio galego, en concordancia con outras comunidades autónomas onde xa existe e funciona ese modelo de atracción de rodaxes.

Que che parece esta nova?
35 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves