Colita (Isabel Esteva, 1940-2023) en Barcelona en 1978 ©Archivo Colita
A mostra que poderá verse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela ata o 1 de agosto recupera o traballo fotográfico que Colita (Isabel Esteva, 1940-2023, Barcelona) publicou en formato libro xunto con textos da escritora catalá Maria Aurèlia Capmany (1918-1991, Barcelona). Foi un proxecto a catro mans considerado co tempo como o primeiro libro gráfico abertamente feminista da Transición. Antifémina publicouse en 1977 e foi retirado do mercado pouco despois pola propia editorial que o considerou inapropiado para a España do momento, converténdose así nun libro de culto crítico e reivindicativo. Esta exposición é unha coprodución de La Fabrica e o Círculo de Bellas Artes de Madrid.
A exposición reúne máis de 130 fotografías estruturadas en dez seccións que abordan, con ton crítico e didáctico, o debate sobre a feminidade convencional: a muller, submisa, perfecta casada, pasiva e sacrificada. Nelas, Colita retrata a vellez, o traballo, a relixión, a prostitución, a cosificación, a marxinación, as modelos o disfrace ou o piropo en imaxes de corpos apoderados, sólidos, macizos, nus, anoréxicos, eróticos, decorativos, marcados pola xuventude ou erosionados pola vellez. Un imaxinario que permite a quen visita a mostra comprender o significado de ser muller no franquismo, nun contexto de represión e discriminación marcado polo pechado conservadorismo, escurantismo e desigualdade contra as mulleres.



