A dona Emilia máis política

A historiadora Isabel Burdiel presenta unha biografía da escritora coruñesa que se detén no seu pensamento político e social

A historiadora Isabel Burdiel presenta unha biografía da escritora coruñesa que se detén no seu pensamento político e social<br />
Retrato de Emilia Pardo Bazán. Joaquín Vaamonde Cornide. Museo de Belas Artes da Coruña
Cando Isabel Burdiel se puxo mans á obra para elaborar a biografía da escritora Emilia Pardo Bazán, decatouse de que todos os prazos pactados coa editorial Taurus ían saltar polos aires. "Decateime de que isto era un mihura", explica graficamente esta catedrática de Historia Contemporánea da Universidade de Valencia, aludindo á intensa vida e a dilatada produción literaria e xornalística da autora coruñesa, difícil de abranguer e non doada de comprender. E non era por falta de experiencia. Polo seu libro anterior, unha extensa biografía sobre a raíña Isabel II, na mesma editorial, recibiu en 2011 o Premio Nacional de Historia. Tras sete anos de traballo, Isabel Burdiel presentou a súa Emilia Pardo Bazán o pasado venres 15 no Consello da Cultura Galega.

Entrevistámola para coñecer as claves da súa aproximación a esta Emilia Pardo Bazán, que no libro de Burdiel ten unha lectura máis política e social. "Eu non son biógrafa, son historiadora", afirma Burdiel, "interésanme as personaxes biografiadas na medida en que permiten facer preguntas distintas a un periodo histórico". O resultado é un retrato dunha época de a cabalo entre o século XIX e o XX e dunha figura inigualable.

Unha das cousas nas que vostede insistiu máis é na dificultade de encaixar a Pardo Bazán.
Emilia Pardo Bazán é unha persoa que ao mesmo tempo é conservadora e progresista, é católica e naturalista, feminista radical, é unha persoa cun desexo de incidir no público moi grande e, ao mesmo tempo, moi reservada. É claramente apaixonada pero radicalmente antisentimental. Todas estas ambivalencias fan que sexa un personaxe moi difícil de aprehender pero ao mesmo tempo convértena nunha personaxe fascinante.

Como convivía ela con esa actitude particular ante o mundo?
Eu creo que era consciente e levábao con esixencia intelectual e con orgullo, con esa curiosidade enorme polo mundo. "A gran curiosidade que sinto por min mesma", chegou a dicir. Ela era consciente de que cando se levantaba tiña que poñer en orde os seus múltiples eus.

"Emilia Pardo Bazán tiña medo de que o Rexurdimento fose unha alternativa cultural á nación que ela quería construír"


Pode ter algo que ver con isto o feito de ser muller e, polo tanto, un pouco allea ao mundo no que se movía?
Si, ela tiña unha situación privilexiada socialmente e, ao mesmo tempo, marxinal como muller. Por unha banda, estaba nun lugar ben situado e por outra, nun lugar excéntrico. Iso permitíalle ver o mundo desde dúas ribeiras. Era unha muller escritora, pero ela chegaba a falar dela mesma tanto como "escritora" como "escritor".

Xa sei que é un pouco tópico, pero non podo deixar de pensar noutros escritores galegos como Valle-Inclán, que tamén se movían con facilidade nese terreo borroso.
Ela era consciente de que a pureza era menos interesante que a mestizaxe. Non é tanto ambigüidade como recoñecer que hai moitas verdades e moitos eus.


A historiadora Isabel Burdiel

Vostede enfatizou o papel de Bardo Bazán como celebridade da época, como figura que se quere construír publicamente.
Ela quería proxectarse como unha escritora profesional capaz de estar nos circuítos importantes, vender ben, controlar os dereitos de autor e a imaxe célebre que se ía construír ao redor dela. Nunca puido controlar a súa imaxe pública, fóiselle das mans. Ela vive nun momento no que se uniron dúas cousas: a aparición do escritor profesional que vive da súa obra e a cultura da celebridade, asociada aos escritores, que tamén é algo moi do XIX. Ela foi moi moderna á hora de tratar ambas cuestións.

Vostede estudou os apuntamentos biográficos que fai Emilia Pardo Bazán cando se describe a si mesma. Que resalta e que non destaca de si mesma?
Ela presenta a súa infancia de nena lectora e todo o proceso de construción dunha escritora, a súa gran vocación. Ela quérese presentar como unha escritora apaixonada e ao mesmo tempo esixente. Preséntase como unha escritora nacional, que quere construír unha nación moderna a través da literatura.

"Emilia Pardo Bazán non foi quen de controlar a súa imaxe pública. Fóiselle das mans.


Relaciona a nación moderna coa idea de igualdade.

Claro, porque considera que se os homes e as mulleres non teñen igualdade de dereitos, a nación queda a medias e que, como dixo Carolina Coronado, o liberalismo non construíra unha nación para este sexo. Ela quería nacionalizar ás mulleres, porque o único xeito de nacionalizalas era construílas para a cidadanía. Pensando no papel da muller nas familias na época, hai que pensar que se as mulleres non tiñan nación, a nación malamente podería callar internamente.

Como foi esa difícil relación da Pardo Bazán co rexionalismo galego? En que medida influíron cuestións persoais, como as súas friccións con Manuel Murguía?
Ela tiña moitísimo interese pola literatura en galego, pero a súa lingua literaria era o castelán. Ela sabía que as nacións se constrúen a través das linguas e da cultura e tiña medo que o Rexurdimento fora unha alternativa cultural á nación que ela quería construír. Ela cría que a nación tiña moitos afluentes e que Galicia fora un dos afluentes da nación española. Ela era unha nacionalista española. Ao tempo, Manuel Murguía tamén era moi consciente do que estaba facendo, quería facer algo distinta a ela e por iso chocaron.

Sempre me chamou a atención de que en relación ao galego e a promoción do galego, Emilia Pardo Bazán sempre ten que poñer nos discursos e intervencións públicas, un "ma non troppo", un "si, isto está moi ben pero...".
É un pero que ten que ver coa dúbida saudable. Ela cre que hai múltiples verdades, que pode haber dúas verdades incompatibles entre si que ao mesmo tempo son verdade. Niso é romántica.

Vostede define o feminismo da Pardo Bazán como "radical".
É un feminismo que cre na igualdade de oportunidades e dereitos, a todos os niveis, que cre na educación mixta, cousa que non crían moitas feministas do XIX, que cre que as mulleres non son moralmente superiores aos homes, e que cre que hai mulleres malas e teñen dereito a ser malas. Cre que non hai nada que sexa esencial, como o carácter da "a muller" ou "o home". E cre que hai que educar sentimentalmente ás mulleres e aos homes para que tamén no amor e nas emocións teñan as mesmas oportunidades e dereitos.

Na súa biografía indica que hai un momento que Pardo Bazán fica atrás, que ao mellor está presente en círculos académicos pero xa non se le polo público.
Creo que non se le moito, agora se le máis a Galdós e a Clarín. Creo que era unha muller excéntrica, era un elo solto da cadea. No seu momento entrou no canon, pero acabouse por considerar unha autora interesante, pero secundaria. Porén, calquera que lea a Pardo Bazán decatarase de que está á altura de Benito Pérez Galdós ou Leopoldo Alas Clarín.