Restitución do arco central da fachada do Pórtico da Gloria. Foto: Kosmotech_2000
O proceso de restitución da fachada do Pórtico da Gloria, desaparecida no século XVI, ten moito de crebacabezas. Con pezas dispersas por toda a catedral de Santiago, moitas delas recuperadas en campañas arqueolóxicas e de restauración, os especialistas teñen que examinar cautelosamente toda a documentación para conseguir comprender a súa localización orixinal. Neste 1 de abril, no que se celebra o Día das Artes Galegas en conmemoración da finalización do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, falamos con profesor da USC e investigador do CISPAC Francisco Prado-Vilar sobre unha das súas últimas descubertas no acervo documental. Manuel Chamoso Lamas atopou nunhas obras do claustro da catedral en 1964 unhas pezas escultóricas amortizadas nos recheos. O coñecido arqueólogo e historiador, que estaba ao cargo da protección do patrimonio histórico de Galicia durante o franquismo, decatouse das abraiantes conexións culturais que establecían. Tratábase das doelas do arco de entrada do Pórtico. Nunha carta remitida a Francisco Sánchez Cantón, pontevedrés e director do Museo do Prado en Madrid, Chamoso recoñece entusiasmado no particular deseño das doelas unha raigame andalusí conectada co pazo da Aljafería de Zaragoza, multiplicando a complexidade das influencias históricas desta gran obra de arte.
"O achado foi moi importante porque ese arco é un dos elementos estruturais da fachada do Pórtico", explica Prado-Vilar, "un fito arquitectónico moi notable, porque é un arco que expande unha luz de sete metros. E cada doela é un elemento arquitectónico en si mesmo, porque son moi complexas na súa estrutura". Pero ese arco con esa fastuosa decoración conecta aínda máis o Pórtico con novas cardinalidades europeas. "Esa decoración de muqarnas atópala se vas á Alhambra, na capela palatina de Palermo ou no pazo da Aljafería de Zaragoza, que xa é un pazo cristián desde 1118", engade Prado-Vilar. O Pórtico débese ao seu tempo, á coñecida como arte do 1200, un periodo de confluencias insospeitadas. "É unha arte moi especial no que se combinan influencias clásicas con elementos decorativos andalusíes, moi propio da koiné mediterránea. E isto pódese ver en monumentos paradigmáticos como as pinturas de Sijena, que comparten o naturalismo do Pórtico da Gloria ou con esa arte áulica da capela palatina de Palermo. Hai que lembrar que Elvira Alfónsez, filla de Afonso VI, foi a primeira raíña consorte de Sicilia ao casar con Roxerio II, o promotor desa capela. Os contactos existían", explica Francisco Prado-Vilar.
Restitución da policromía das doelas
O proceso de restitución implicou trasladar virtualmente as pezas existentes, que teñen unha montaxe distinta no museo da catedral, ao modelo dixital. "Vimos que enmarcaban todo o conxunto escultórico e, ademais do elemento estrutural das doelas, é moi importante a reconstrución hipotética da policromía, porque é o único xeito de darlle lexibilidade á interacción entre as diferentes partes escultóricas. Os acantos estaban pintados de verde como ocorre no pórtico e habería dourados en combinación co lapislázuli. Estes elementos decorativo adquirían a plenitude do seu efecto ao policromalos. Difuminan a entrada do pórtico e convértena nun espazo celestial, aumentado todo o efecto lumínico. A percepción da escultura sería moito máis móbil".
Xunto coa fascinante pista das conexións artísticas do mestre Mateo, a historia da descuberta do seu legado vai xa ligado para sempre co propio Pórtico. Eis o artigo de Francisco Prado-Vilar.
Historia dunhas doelas: O legado interminable do Mestre Mateo
Por Francisco Prado-Vilar.
Profesor do Departamento de Historia da Arte da USC e Investigador do CISPAC
En preparación para o Ano Santo de 1965, acometéronse na catedral de Santiago diversas obras de mantemento, centradas fundamentalmente no claustro, onde se consolidaron as bóvedas e se reparou o pavimento. No transcurso desta campaña realizáronse importantes descubrimentos arqueolóxicos, entre os que destacan as doelas do gran arco central da fachada do Pórtico da Gloria, unha das marabillas arquitectónicas do conxunto, que cubría unha luz superior aos sete metros. O achado destas doelas, reutilizadas como material de recheo nas bóvedas do claustro renacentista, non resulta sorprendente se se ten en conta que o mesmo mestre de obras a quen se lle encargou en 1521 o peche do nártice do Pórtico, co conseguinte desmontaxe do arco medieval, o Mestre Martín, participou tamén nas labores construtivas do claustro.
O achado das doelas en 1964
En conmemoración do aniversario da colocación dos dinteles do Pórtico, publicamos aquí un documento excepcional que nos traslada á emoción do instante do descubrimento. Trátase dunha carta datada o 11 de marzo de 1964 que dirixe Manuel Chamoso Lamas ao seu amigo Francisco Sánchez Cantón, daquela director do Museo do Prado, quen mantiña un vínculo profundo con Galicia desde a época do Seminario de Estudos Galegos. A lectura desta carta, na que se menciona precisamente unha das reunións mensuais da institución “herdeira” do Seminario, o Instituto Padre Sarmiento, sitúanos no momento mesmo do achado e permite apreciar a agudeza coa que Chamoso comprendeu a relevancia destes descubrimentos, ofrecendo unha análise precisa do seu alcance para ampliar a nosa comprensión da arte do Mestre Mateo en toda a súa riqueza decorativa.
Hai uns meses, co apoio do Consello da Cultura Galega, o proxecto KosmoTech_1200 levou a cabo a primeira reconstrución dixital integral da fachada mateana, que implicou a recomposición do gran arco a partir de modelos fotogramétricos destas doelas. Nunha primeira fase procedeuse á restitución das policromías seguindo criterios fundamentados na análise da decoración aplicada noutras pezas arquitectónicas mateanas, especialmente en varios elementos estruturais do coro. Este proceso permitiu restituír a percepción da interacción entre os distintos motivos ornamentais das doelas, uns de carácter vexetal, tipicamente mateanos, e outros xeométricos de raigame andalusí, resaltando a súa sofisticada sintaxe decorativa. Finalmente, o modelo foi integrado nunha contorna interactiva que permite a súa exploración navegable en tempo real. Isto fai posible analizar de maneira dinámica os efectos lumínicos, cromáticos e escultóricos das doelas, restituíndo, en condicións variables de iluminación e punto de vista, aspectos fundamentais do seu funcionamento visual na fachada orixinal e do modo en que intensificaban e dinamizaban a percepción do conxunto escultórico interior.
As doelas en comparación coas do pazo da Aljafería de Zaragoza
Como ben apuntou Manuel Chamoso Lamas, os repertorios decorativos das doelas remiten a modelos que atopamos na Aljafería de Zaragoza, xa convertida en palacio cristián desde 1118 e polo tanto integrada na paisaxe monumental dos reinos do Camiño de Santiago. De feito, as doelas súmanse así a outros elementos arquitectónicos con este tipo de decoración que atopamos noutros lugares da obra mateana, como os marabillosos paneis de estrelas perladas, algúns dos cales foron xa publicados por Antonio López Ferreiro, e dos que se recuperaron novos fragmentos nas escavacións realizadas por Chamoso Lamas nos anos cincuenta ao desmontar o coro barroco que substituíu ao do Mestre Mateo en 1607.
A decoración dos teitos do coro do mestre Mateo
Chamoso incorporou estes paneis á súa proposta de reconstrución dos sitiais do coro mateano como peche mural, mais, aínda que esta hipótese posúe unha notable forza estética, non resulta estruturalmente viable, como puidemos comprobar nos estudos desenvolvidos no marco do proxecto KosmoTech_1200 de reconstrución integral do coro mateano. Pola contra, estes elementos encaixan con precisión como sofitos das tribunas do coro, unha das innovacións estruturais fundamentais da nosa proposta, ausente na reconstrución anterior realizada nos anos 90 do século pasado, que concibía o peche do coro como un muro de arquerías cegas. Fronte a esa proposta, que facía do coro un bloque mural que ocluía as naves laterais da catedral, decatámonos de que o Mestre Mateo ideou un espazo diáfano e permeable, capaz de dinamizar a articulación interna das naves, de xeito que a presenza do coro non constituía un obstáculo visual nin espacial. Camiñar baixo as tribunas do coro equivalía, así, a transitar baixo un ceo estrelado e luminoso realzado polas policromías aplicadas aos motivos decorativos. Para comprobar o efecto, en KosmoTech_1200 procedemos a restituír a cor dun destes paneis a partir dos restos de pigmentos preservados.
En conclusión, tanto as doelas como os paneis permiten situar a obra do Mestre Mateo plenamente inserida na koiné internacional do chamado “arte do 1200”, na que converxen influencias clásicas e orientais, e que o pon en diálogo con outras creacións señeiras do seu tempo como a Capela Palatina de Palermo.
Por tanto, a publicación desta carta, para celebrar este 1 de abril de 2026, permite pechar o “arco” cronolóxico da recuperación destas pezas, desde o seu achado arqueolóxico como fragmentos dispersos ata a súa reintegración dixital na arquitectura para a que foron concibidas. Sirva isto de homenaxe ao enorme e interminable legado que nos deixou o Mestre Mateo e aqueles que tanto fixeron por recuperar a súa obra, como Manuel Chamoso Lamas.
Inicio da carta de Chamoso Lamas
“Mi distinguido y admirado amigo:
Supongo ya en su poder la nota de prensa que recoje la reseña de la reunión mensual celebrada por el Instituto P. Sarmiento y en la cual, como pudo apreciar, hubo un verdadero concurso de noticias sensacionales, pues si bien lo de Verín es extraordinario y sorprende más a causa de la inesperada novedad, lo descubierto en la Catedral por su alcance representativo dentro de la arquitectura medieval europea supone una aportación también trascendental.
Como la cosa, dicha así sin más, difícilmente se comprende, considero conveniente informarle con fotografías a la vista del alcance de estas sorprendentes novedades, pudiendo, si Vd. lo aprecia en el mismo valor que yo y lo juzga oportuno, dar cuenta de ello en las Academias.
Empleadas una en los muros que soportaban las cubiertas del claustro y otras como material de relleno de las plementerías de sus bóvedas, fueron rescatándose un elevado número de piezas esculpidas que, una vez clasificadas, permitieron seleccionar nueve dovelas de un arco de gran módulo, al parecer cinco o seis metros de luz, con una proyección ornamental tan extraordinaria que deja mezquinos los arcos de la cabecera del salón alto del Palacio de Gelmírez. Pero lo más notable es la decoración netamente árabe que exhibe en su frente el arco así como el remate geométrico, especie de pequeña pirámide truncada, de los motivos que descienden como pinjantes o más bien mocárabes, formando el intradós del arco.
También se recogieron tres dovelas de otro arco en las cuales aparecen bajo arquillos finamente decorados, bustos de figuras aladas y coronadas, con las manos elevadas y extendidas. Una aparece sosteniendo una cartela escrita en las manos. Todo de una gran calidad artística. Otras piezas, entre más de un centenar recogidas, desgraciadamente mutiladas o fragmentadas, ofrecen novedades que una revisión que pude hacer poco después de su hallazgo, muestra hasta qué punto sirvieron de modelo en el arte románico derivado de Compostela. Algunas pueden suponerse, con cierta seguridad, procedentes del coro románico, pero otras son más difíciles de adjudicar a dicha obra aun cuando su emplazamiento debió ser tan importante que sirvió de modelo en composiciones escultóricas importantes de ciertos notables monumentos, como ocurre en el tímpano de la portada principal de la Colegiata de La Coruña y en la decoración del tornalluvias de la portada principal de la Iglesia de Santiago, de la misma ciudad.
Mejor que cuanto pueda describirle aquí podrá apreciarlo en las primeras fotografías que he obtenido de las piezas halladas y que aquí le adjunto. Lo que no podrá apreciar en las fotografías es ciertas características dominantes en la decoración naturalista de las dovelas del arco y en lo conocido del Maestro Mateo, tal los trépanos en las hojas y las sartas de perlas. Ello parece probar que esta obra parte de los talleres creados por Mateo en Compostela.
¿Serían estos arcos de la entrada a la sala capitular o capillas que existieran en el claustro anterior? Queda aún por explorar el patio del claustro donde es de esperar se encuentren otras piezas más de estos importantes elementos arquitectónicos de construcciones que debieron ser extraordinariamente bellas y despiadadamente destruyeron los Maestros del Claustro actual.
Espero que en Semana Santa pueda Vd. examinar todo esto personalmente.
Mañana voy a Lugo para completar la restauración (desumectación y encerado) del coro de la Catedral ya amenazado de inmediato traslado. Ya veremos cómo vencemos las graves dificultades que tal operación trae tras de sí.
Muy cordialmente le saluda y queda siempre a sus órdenes su buen amigo,
Manuel Chamoso Lamas
Nota manuscrita en el margen izquierdo:
Ayer se descubrieron más piezas. Una de mármol pertenece al arte del Maestro de Platerias y otra cabeza de gran tamaño de Apóstol Santiago, románica o de primer Gótico, está muy mutilada y no se precisa en toda calidad plástica.
Arquivo do Museo de Pontevedra, Fondo Conrrespondencia Sanchez Cantón, signatura 1964 Correspondencia a Sánchez Cantón de Manuel Chamoso Lamas Sinatura: 47/114/49




