As obras de arte do Museo da Catedral saen do 'banco'

O altar provisional da catedral de Santiago recupera pezas do museo para preservar a tradición do templo

O altar provisional da catedral de Santiago recupera pezas do museo para preservar a tradición do templo
Altar provisional da Catedral de Santiago. Foto: Catedral de Santiago
"A localización deste novo altar provisional é algo inédito na historia da catedral e supón, cando menos durante un tempo, un importante cambio na liturxia da basílica", asegura Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo Catedral de Santiago, nos textos cos que a basílica presenta o altar provisional que permitirá o culto mentres se sucede o gran programa de restauración da basílica compostelana. A estrutura, cun impactante deseño contemporáneo en madeira, foi ubicada tendo en conta a dilatadísima tradición cultural da igrexa de Santiago. Está situada na parte de atrás do Pórtico da Gloria, que foi "encapsulado" para evitar que a súa recente restauración ficara afectada polas importantes obras que se están a acometer no resto do templo. Pero un panel transparente permite observar o parteluz do Pórtico da Gloria e deixa o espazo aberto para que o Mestre Mateo fique integrado na propia celebración.


Santiago sedente e coroado do Museo da Catedral de Santiago. Foto: Catedral de Santiago

A Catedral sacou tamén do "banquiño" obras de arte que estivesen conectadas coa tradición e que se poden ver habitualmente no Museo. O Santiago sedente policromado conecta o altar efémero cunha tradición instaurada polo Mestre Mateo, cando nas obras da catedral colocou sobre o altar maior do templo unha figura de Santiago sedente que conectaba visualmente o presbiterio coa cripta da tumba apostólica e creaba unha ligazón visual clara entre ela e o centro da igrexa. Este pequeno Santiago coroado do altar provisional é unha evolución dos Santiagos sedentes de Mateo: deste e do que está ubicado xusto por detrás desa columna do parteluz e preside o Pórtico da Gloria. Pero a súa cronoloxía é misteriosa. "Esta clara influencia do mundo mateano e a referencia á coroa do altar maior levaron a atribuír a peza a algún dos obradoiros activos en Compostela entre a segunda metade do século XIII e a primeira do XIV (mesmo se levou ata o século XV). Resulta complexo establecer unha data máis concreta, pois estes obradoiros, herdeiros da arte do Mestre Mateo, perduraron, por varias xeracións, en toda Galicia, ata o final da Idade Media", afirma Ramón Izquierdo. O altar provisional dialoga, entón, co principal arquitecto do proxecto compostelán pero tamén coa tradición do seu altar maior.

Á instalación engadiuselle tamén un Cristo crucificado do século XIV que formaba parte dun calvario que coroaba o trascoro da Catedral, e que ata agora estaba situado no lado este de Praterías, no Baptisterio da catedral. O Cristo era parte dun calvario gótico que estivo instalado ante a fachada do trascoro da catedral, un espazo que comezara a ser concibido tamén na época do arcebispo Xelmírez.