O íntimo e o simbólico, o corpo e o espazo, o artesanal e o contemporáneo conflúen na obra plástica da artista Alba Troiteiro (Soutomaior, 1988) que estes días presenta a mostra 'Pasen y Vean' na Galería DUPLA de Santiago de Compostela, onde poderá visitarse ata o 30 de abril. Troiteiro, que tamén tivo un pé no mundo do circo a través da compañía Circo Nove, tira da iconografía circense para explorar sentimentos e estados de ánimo na súa obra plástica. Dando presenza destacada ao debuxo e a liña como forma de pensamento e expresión visual, traballa co arquivo fotográfico para inspirarse, destacando nas súas obras o claroscuro e construíndo a narrativa desde a figura feminina e desde os contrarios como taboleiro dun xogo.
Residente en Pontevedra, Troiteiro forma parte da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), e o seu traballo abarca as artes plásticas, o muralismo, a tatuaxe de autora e a performance pictórica, integrando tamén recursos do circo como ferramenta de diálogo escénico. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e mestrado en Creación e Investigación Artística pola Universidade de Barcelona, completou a súa formación en serigrafía artística (EMAO Vigo) e participou en programas europeos de voluntariado artístico en Italia. Nas súas palabras, busca "cuestionarse ata que punto a liberdade perceptiva é estigmatizada polo contexto e en que medida nós podemos modificala ou simplemente identificala".




