Foto: Fundación Manolo Paz
O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Turismo de Galicia e a Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo para a expoñer a mostra 'A distancia que nos une' en Nova York. A Xunta de Galicia financiará esta acción con 180.000 euros, que serán achegados a partes iguais pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Turismo de Galicia. O custe total da actuación ascende a 255.394,35 euros.
A exposición que agora se instalará en Nova York xa se puido contemplar nun dos paseos máis emblemáticos de Madrid, o eixo formado polo Paseo do Prado e o Paseo de Recoletos, ocupando espazos como a Praza de Cibeles ou os xardíns do Museo Thyssen-Bornemisza, con motivo da designación da área coñecida como "Paisaxe da Luz" como Patrimonio da Humanidade pola UNESCOe pasou tamén polo casco histórico de Santiago de Compostela, así como pola Casa de España en Panamá. A exposición que presentará en Nova York inclúe dez esculturas de Paz e rende homenaxe ao mesmo tempo aos anos formativos do artista vivindo e traballando na cidade. En Park Avenue expoñerá a súa peza de pedra 'Catedrais', unha escultura elaborada en pedra cuarcita, que vincula simbolicamente cos rañaceos de Nova York, a miúdo considerados as catedrais contemporáneas da era actual. Xunto a estas, exhibiranse catro das súas esculturas metálicas.
Como explica o comunicado de prensa posterior ao Consello da Xunta, deste xeito, o Goberno galego impulsa actividades de promoción e divulgación do patrimonio e da cultura galega programando actuacións de recuperación da cultura galega e que tamén contribúan á promoción turística de Galicia.

