Retirada de ara romana na Espenuca (Coirós). Fundación Luis Monteagudo
Un novo axente emerxeu nos últimos anos no panorama cultural en Galicia. A Fundación Luis Monteagudo financia escavacións arqueolóxicas, edita custosos corpus arqueolóxicos que publica de balde na rede, consegue que propietarios cedan antigas pezas arqueolóxicas aos museos mentres asume os custes da súa extracción, dixitaliza informes da Xunta para a súa disposición pública e mesmo rescata antigas inscricións altomedievais do fondo dos ríos. E todo isto sen ningún tipo de financiamento público.
Non é nada frecuente que unha fundación dedicada a unha figura pública galega desenvolva un intenso programa científico e de actividades de divulgación sen empregar un peso das Administracións públicas e sen que estas figuren no seu padroado. Pero este é o caso da Fundación LuisMonteagudo, constituída en 2013 aínda en vida do insigne arqueólogo coruñés (1919-2018). A Fundación, declarada de Interese Galego desde o 2014, ten como os seus fins “a investigación e os estudos de Prehistoria, Historia e Filoloxía de Galicia e, en especial, a publicación da documentación dos numerosos apuntamentos, fichas, notas, debuxos, cadernos, diarios, casetes, escritos e traballos persoais do fundador Luis Monteagudo”, así como a “defensa, conservación, posta en valor e divulgación do Patrimonio Cultura Galego”.
Polo momento, a Fundación está a ser a sorpresa da arqueoloxía galega dos últimos anos polo segundo dos seus obxectivos: as súas accións de recuperación do patrimonio cultural galego e a abrir novas vías de investigación. O seu padroado está constituído por antigos colaboradores e amigos, desde hai moitos anos, de Luis Monteagudo. O presidente é Alfredo Erias Martínez, o polígrafo arquiveiro de Betanzos, quen coñeceu a Monteagudo cando el era pequeno e estaba a debuxar nunha mesa e o arqueólogo entrou na taberna do seu pai preguntando por un xacemento arqueolóxico. No padroado acompáñano José María Veiga e Salvador Naya. No secretariado xa non está Alberto López Fernández, do Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos e un dos principais impulsores iniciais da fundación, quen morreu en 2024. A súa función de secretariado, canda as tarefas de dirección e xestión da fundación foi asumido polo arqueólogo Santiago Vázquez Collazo, un profesional con longa experiencia na arqueoloxía de campo e empresa e único asalariado da Fundación. Vázquez Collazo expuxo o proxecto da fundación no Congreso de Arqueoloxía de Lalín 2026.
Luis Monteagudo foi unha das persoas máis destacadas da arqueoloxía galega do século XX. Dirixiu as primeiras escavacións no castro de Elviña e foi director do Museo Arqueolóxico-Histórico da Coruña, do Museo das Peregrinacións de Santiago ou do Museo de Belas Artes de Ávila. Pero a súa actividade non se limitou a Galicia. Desenvolveu proxectos en museos de Avignon, Bérgamo ou Atenas participou en proxectos de escavacións en Grecia e noutros puntos do Mediterráneo. Tivo un gran contacto coa escola alemá de arqueoloxía, da que empregou os seus rigorosos métodos de clasificación e documentación.
Do aforro conmpulsivo ao investimento
O arqueólogo tivo unha fama case lendaria de personaxe profundamente austera que deu lugar a numerosas anécdotas. Pasou os útlimos anos da súa vida no barrio de Belvís, en Santiago de Compostela. “Tiña sona de ser moi tacaño pero non era así”, explica Vázquez Collazo, “era moi austero e orientado ao seu propósito de investigación. Axudaba os estudantes sen recursos para que fixeran os seus estudos”. Divorciado e sen fillos, Monteagudo decidiu concentrar o seu capital, froito de toda unha vida dedicado á investigación e o traballo continuo sen interesarse por demasiados gastos materiais, na Fundación que había prolongar a investigación trala súa morte. Pero a Fundación non emprega os aforros do fundador para o seu programa de accións anual, o cal provocaría un problema de sustentabilidade a curto ou medio prazo. “Luis Monteagudo creou tamén unha carteira de investimentos”, explicou Vázquez Collazo, “e os dividendos obtidos polas accións de bolsa son as que financian as actividades anuais”. A entidade realiza unha previsión de dividendos que lle serve para planificar as seguintes accións. Deste xeito, a Fundación consegue desenvolver os seus obxectivos sen afectar ao núcleo financeiro do proxecto.
As actividades
E as accións de don Luis Monteagudo dan para moito. En 2015 a Fundación asumiu un proxecto insólito no seu prantexamento. A Xunta tiña sen dixitalizar numerosas memorias de escavacións arqueolóxicas do tempo da creación das grandes infraestruturas autonómicas, como as autovías, o gasoduto ou os primeiros parques eólicos, é dicir, do periodo máis masivo de escavacións arqueolóxicas da historia galega. Tratábase dunha valiosa fonte de información moi difícil de consultar pero moi demandada polos investigadores, o cal xeneraba numerosas protestas. A Fundación asumiu a dixitalización e conseguiu que a Xunta puxera a disposición pública en Galicia toda esta valiosa información. A Xunta continúa a colaborar e demandar o apoio da fundación para determinados proxectos de recuperación de patrimonio.
Ao tempo, a Fundación asume a edición de custosos libros de referencia sobre a arqueoloxía galega, como Peñas Sacras de Galicia, de Martín Almagro e Fernando Alonso Romero (2022) ou recentemente, o monumental corpus de Epigrafía romana de Galicia, dirixido por Juan Abascal Palazón, e do que se editaron xa os volumes de A Coruña e Ourense, mentres que está en preparación a . Todas as publicacións atópanse descargables de balde desde o web da Fundación.
Con todo, outras das máis rechamantes actividades da Fundación está a ser a recuperación de patrimonio arqueolóxico e mesmo o financiamento de campañas arqueolóxicas. A Fundación financiou en 2025 a escavación da piscina do balneario de Lugo onde apareceron numerosos restos orgánicos de época tardoantiga e un importante conxunto de aras votivas rotas. Tamén financiou a campaña de escavación dunha cista na illa Areoso da ría de Arousa, intervencións subacuáticas na ría de Viveiro, intervencións nun conxunto de mámoas do monte Piquiño (Teo) ou a través dun convenio coa cátedra de arqueoloxía e educación patrimonial do concello de Ferrol. Ademais das campañas arqueolóxicas, a Fundación asume outro tipo de proxectos de investigación, como un proxecto sobre a historia da metalurxia do ferro en Ferreiravella (Riotorto) ou a catalogación e estudo dos numerosos materiais metálicos aparecidos nas campañas do castelo de Pambre. Unha das premisas de financiamento da Fundación é que os equipos responsables dos proxectos deben dar a coñecer os resultados a través dunha publicación científica.
A Fundación tamén acomete outro tipo de iniciativas vinculadas á protección do patrimonio arqueolóxico. Unha das máis espectaculares foi a extracción da inscrición altomedieval da ponte de Mourazos (Santiso), que se desprendera do camiño no que se atopaba e se fragmentaba. Pero tamén traballou en numerosos proxectos pouco coñecidos, animando os propietarios á súa cesión aos museos próximos. Deste xeito, recuperouse unha ara romana no conxunto da capela da Espenuca, un busto en Ciadella (Sobrado dos Monxes), unha ara romana en Nodar e outra en san Martiño (Caldas de Reis), un cipo funerario en Castrelo do Val. A fundación asume os custes da extracción das pezas e do seu traslado aos centros museísticos.
“Para a Fundación é moi importante que os profesionais poidan traballar en boas condicións”, sinalou Vázquez Collazo, “e dispoñer do noso propio financiamento outorga á fundación unha gran liberdade para poder desenvolver proxectos”. Polo momento, o seu dinámico modelo de financiamento, habitual noutras fundacións internacionais, serve de inspiración para outros proxectos culturais.

