O arqueódromo de Ferrol recibe un impulso tras o acordo entre a UDC e a Fundación Luis Monteagudo

O convenio, dotado con 57.000 euros, permitirá manter o espazo didáctico do Centro Torrente Ballester

| Santiago. Redacción | Seccións: Arqueoloxía
Compartir:

A Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Luis Monteagudo selaron este luns un novo convenio de colaboración que ven reforzar o traballo da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, impulsada pola universidade e o Concello de Ferrol. Este acordo, asinado polo reitor Ricardo Cao e o presidente da fundación, Alfredo Erias, garante o mantemento e a dinamización do arqueódromo situado no Centro Torrente Ballester.

O compromiso institucional estenderase, nun principio, durante un período de tres anos cun orzamento total de 57.000 euros. Estes fondos irán destinados a ampliar as liñas de traballo da cátedra que dirixe o profesor Juan Luis Montero Fenollós, consolidando a Ferrol como un punto de referencia na didáctica do patrimonio. Como parte do acordo, o arqueódromo pasará a levar o nome de Luis Monteagudo, en homenaxe ao senlleiro arqueólogo coruñés. Máis alá do mantemento das instalacións, o convenio recolle un programa de actividades que inclúe visitas guiadas ao castro de Esmelle, obradoiros didácticos para achegar a arqueoloxía á cidadanía e accións de difusión científica e posta en valor da historia local. O arqueódromo, integrado na Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra, é a peza central dun proxecto nado en 2022 co obxectivo de crear unha escola de arqueoloxía en Ferrol, unindo a investigación académica coa xestión cultural e a educación das novas xeracións.

Que che parece esta nova?
168 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Arqueoloxía, Educación, Universidade da Coruña, Concello de Ferrol...