Chema Madoz dialoga cos elementos da natureza como obxectos

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle a mostra 'A natureza das cousas'

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
Chema Madoz. Cesped, paso de cebra  Foto: Afundación

Chema Madoz. Cesped, paso de cebra Foto: Afundación

Hai un cacto que está feito con pedras sobre o seu testo. Hai unha gaiola que encerra unha nube. Tamén hai notas musicais caendo coma pólas dunha árbore. Son algunhas das imaxes de Chema Madoz que forman parte da exposición A natureza das cousas, que pode visitarse na Sede de Afundación en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) ata o 29 de agosto. 

Chema Madoz subverte as regras da natureza deixando vagar a súa imaxinación. Desprega a súa fantasía e funde os reinos animal, vexetal e mineral, dando lugar a un reino propio no que transforma follas, pólas, nubes, madeiras, plantas, flores, pedras… Ofrecendo as combinacións máis inesperadas. A exposición reúne unha selección de máis de 60 fotografías creadas por Chema Madoz entre 1982 e 2025 nas que dialoga coa natureza ou empregando elementos naturais.  Na serie de imaxes que compoñen a mostra, que ten por comisaria a Oliva María Rubio, Madoz traballa cos elementos da natureza o mesmo que o fai cos obxectos: de todos os xeitos posibles e, con frecuencia, cambiando a súa función. En cada unha das súas obras, o artista xera unha combinación poética e lúdica, ou unha asociación insólita. E sobre ela constrúe unha relación de complicidade coa persoa que está fronte á súa obra. Sucede porque o autor pon ao dispor do público, en cada unha das súas creacións, as claves para descifrala e desfrutala. O artista, nacido en Madrid en 1958, é un dos creadores máis salientables da fotografía contemporánea. E un dos máis recoñecidos en todo o mundo, tanto pola crítica profesional como polo público xeral.

 

 Madoz expuxo en prestixiosas galerías e museos a nivel nacional e internacional, como o Centro Pompidou de París, o Netherlands Fotomuseum de Róterdam, o Museo de Belas Artes de Caracas ou o Fotofest International de Houston. En 1999 converteuse no primeiro fotógrafo español vivo ao que o Museo Raíña Sofía dedicoulle unha exposición retrospectiva. Sucedeu no mesmo ano no que o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) de Santiago de Compostela acolleu unha exposición individual coa súa obra. A obra de Madoz está presente nas principais coleccións públicas e privadas de España e internacionais. Madoz acostuma a autodefinirse, en entrevistas, como un "fotógrafo surrealista en branco e negro". Entre outras distincións, recibiu o Premio Nacional de Fotografía e a medalla de ouro ao Mérito nas Belas Artes.

Que che parece esta nova?
130 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves