María Peinado. Fonte: Facebook da autora
A obra Maseira valeulle a María Peinado facerse co VIII Premio Laudamuco de textos teatrais que convoca o Concello de Brión. A autora recibirá un premio en metálico de 7.000 euros e verá o seu traballo publicado por Edicións Positivas, que colabora na convocatoria do premio canda á Academia Galega de Teatro. O acto de entrega do premio desenvolverase o vindeiro 16 de maio no Centro Social de Brión.
O traballo gañador "é un texto distópico sobre un mundo belicoso en potencial vía de extinción. Uns despoxos humanos insisten en sobrevivir entre restos dunha humanidade afundida e o lodo propio dun cortello de porcos", explica a autora. O fallo do xurado salienta "a frescura e orixinalidade da obra”, así como “o uso dun humor tendente ao absurdo, que define un estilo propio e envolvente”. Ademais, o xurado destacou “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, que permite unha lectura crítica e aberta”. Ánxeles Cuña, Cristina Domínguez, María Torres, Roberto Pacual, e Manuel Xestoso conformaron o comité de selección do galardón.
Peinado conta no seu palmarés con dous premios María Casares á dirección e á mellor adaptación pola obra O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia en 2020. Titulada Superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, é licenciada en Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña e na de Notthingam Trent, no Reino Unido. No seu haber como directora e dramaturga atópanse obras como O Loro de Carlos V, Noite de Reis no Planetario, E entón, un xardín, ou As irmás Palavrakis, baseado en textos de Angélica Liddell.



