Carlos Callón asina o manifesto do Día do Teatro

O texto polo 27 de marzo reivindica a importancia das artes escénicas para a nosa lingua

| Santiago. Redacción. | Seccións: EspectáculosTeatro
Compartir:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) daba a coñecer este 25 de marzo o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que se celebra o día 27 deste mesmo mes. O escritor, profesor e activista Carlos Callón correu con este texto, no que reivindica o teatro como "chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa". Segundo apunta a AAAG, trátase dunha peza "que conxuga a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para o futuro das artes escénicas en Galicia".

Callón fai no seu texto un percorrido pola historia da nosa lingua a salienta quer "a nosa é unha lingua que naceu nun verso, mais nun verso que non se lía, senón que se representaba, que se facía carne na voz e nas mans" a falar da lírica medieval galega. Fai tamén un repaso da persecución que sufriu o galego no campo da artes escénicas e lembra que que "cando a profesionalización daba os primeiros pasos, hai 40 anos, un xornal da caverna alarmábase porque podiamos existir, disque nunha 'andadura lenta, pero eficaz, en el objetivo de imponer un teatro hablado, y casi siempre originalmente escrito, en lengua gallega'.

"A nosa lingua está de novo en crise e este seu vello compañeiro, o teatro, algo sabe de como lidar coas crises. Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa", destaca. Neste sentido, o texto reivindica que "precisamos dunha rede de exhibición viva, dunha educación escénica para todas e todos e duns orzamentos serios. E convén lembrarmos algo fundamental nestes tempos en que se espallan vellos novos odios: nós somos as tataranetas e os tataranetos dese pobo emigrante de quen se rían nos palcos; somos as tataranetas e os tataranetos que conseguiron pasar de ser caricatura a suxeito, cunha voz propia que nos devolve dereitos, nome e horizonte".

Que che parece esta nova?
288 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves