Fernando Dacosta na entrega do Premio Marisa Soto en 2019. Fonte: AAAG.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) daba a coñecer este 22 de marzo o texto do manifesto polo Día Mundial do Teatro, que se celebra o vindeiro día 27. O actor, director e dramaturgo Fernando Dacosta asina o texto nesta xeira, e baixo o título SOMOS reivindica a xente do teatro como portadora do "facho dunha profesión trimilenaria que existía antes dos ministerios, consellerías e consellerías de cultura e que seguirá existindo despois", e reclama o compromiso do sector coa lingua, ao apuntar que "somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego".
No seu manifesto, o autor destaca tamén a función social desta profesion, ao aseverar que "estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante".
Dacosta, membro da histórica compañía Sarabela Teatro, dirixe a Aula de Teatro Universitario de Ourense a citas tan destacadas como a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) e a Mostra de Teatro Infantil (MOTI) que se desenvolven na Cidade das Burgas. Precisamente ao longo dos últimos meses mantivo diferentes polémicas co rexedor da cidade pola supresión do apoio municipal ás propostas escénicas e aos festivais locais. De feito, asina o manifesto "desde Ourense. Cidade asediada culturalmente".
O autor lerá o manifesto no acto de entrega dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o vindeiro 2 de xuño.
MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022
por Fernando Dacosta
'SOMOS'
Somos diversas
Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar
Somos habitantes de ningures en movemento cara algures
Somos da caste das nómades, das inmortais
Somos disidentes
Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois
Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións
Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas
Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes
Somos indecentes
Somos empresarias e proletarias
Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor
Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios
Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes
Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes
Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego
Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría
Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético
Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante
Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta
Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así
Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable
É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!
Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.
Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.
Fernando Dacosta
Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.
Día mundial do Teatro.