Premio de Honra do FETEGA para a asociación de actores

O Festival de Teatro Galego Celso Parada comeza hoxe a súa 34ª edición

O FETEGA (Festival do Teatro Galego Celso Parada), que celebra entre hoxe, mércores, e o sábado no Carballiño a súa 34ª edición, concédelle o seu Premio de Honra a á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Así o vén de anunciar a organización do festival indicando que se entrega esta distinción como recoñecemento "ao continuado traballo de promoción e formación das artes escénicas" desenvolvido pola AAAG dende a súa fundación en 1985. Ademais, o FETEGA pon en valor tanto "a longa traxectoria" como o labor da AAAG á hora de crear "a unión necesaria entre os/as profesionais do sector". A AAAG é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1985 que agrupa os actores e as actrices de Galicia, así como os directores e directoras teatrais. Representa a máis de 330 actores e actrices e traballa pola defensa e reivindicación dos intereses da profesión na orde cultural, social e laboral.

Desde a AAAG manifestan "inmensa gratitude" por este recoñecemento, que consideran que chega dende un dos festivais de maior traxectoria dentro do circuíto de mostras escénicas de Galicia. "O seu esforzo durante décadas a prol do noso teatro, da nosa cultura e da nosa lingua fan deste galardón un dos máis especiais que se poden recoller no seo do noso sector", afirman desde a asociación e lembran que o FETEGA, que tamén leva o nome do actor Celso Parada, decidiu en 2017 bautizar os seus galardóns como os Premios Dorotea Bárcena, en honra xustamente a esta actriz.

Programación 2023
O FETEGA celebra dende este mércores 13 e até o sábado 16 de decembro a súa 34º edición. O programa ábrese coa sesión infantil da obra 'Antón, un neno diferente', de Barafunda. Xa o xoves chegaralle a quenda a 'O pequeno poni', obra de Redrum Teatro protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez baixo a dirección de Alex Sampayo.
O venres, Teatro do Noroeste representará 'As damas de Ferrol', obra dirixida por Clara Gayo con Mónica Camaño e Casilda Alfaro no elenco. Xa o sábado, Malasombra chegará ao Carballiño coa obra 'Testosterona', dirixida por Xoque Carbajal e protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia.

Ligazóns