O lema Filosofía e alimento pon o ton á XLII Semana Galega de Filosofía, que se celebra en Pontevedra entre o 6 e o 10 de abril. O encontro que organiza a Aula Castelao de Filosofía aborda o que comemos desde perspectivas antropolóxicas, culturais e filosóficas, a atender ás implicacións do propio acto de se alimentar.
Como é habitual, o programa estruturarase en tres bloques, con conferencias de mañá máis centradas en cuestións filosóficas, as de tarde orientadas a explorar a relación entre alimentación e Galicia, e as de noite cun carácter máis divulgativo. Nesta edición a Semana celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra logo de que a caída dun fragmento do teito do Teatro Principal obrigase ao feche desta instalación ata despois do verán.
No primeiro apartado, Pensar o alimento, destacan nomes como Matías Bruera, que falará sobre El discreto encanto del devorante, Valeria Campos coas súas Ontoloxías do comer ou María José Guerra Palmero, que reflexionará sobre xustiza alimentaria e responsabilidade ecosocial desde unha perspectiva ecofeminista. Marta Tafalla, á súa vez, tratará a cuestión de deixar de comer animais desde unha perspectiva filosófica e Gabriela Berti fechará a sección con De epicuro ao diagrama proteico: micropolíticas do prato.
Na sección de tarde Alba Díaz Geada abordará a comunidade e a desigualdade na Galicia rural a partir do alimento, Xabier Castro fará un repaso de novas perspectivas sobre sociedade, alimentación e historia das mulleres no noso país, Armando Requeixo repasará a literatura gastronómica de Cunqueiro, Enrique Banet tratará a Soberanía alimentaria e nutrición ayurveda e Luísa Muñoz tratará as mulleres e os niveis de vida no litoral galego entre os séculos XIX e XX. Finalmente, os encontros nocturnos contarán con Teresa Aranguren, Mónica Novas, Javier Cudeiro, Mabel Gracia e Javier Sábada, que impartirá a lección de clausura.


