O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases que rexerán durante este ano para subvencionar proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical. Con esta liña de axudas, a Xunta investirá 150.000 euros na industria da música de Galicia a través do impulso ás traxectorias profesionais de 10 artistas ou grupos que desenvolvan a súa actividade habitual na Comunidade autónoma.
A convocatoria, que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, mantén a mesma dotación que ano pasado, de 150.000 euros, ofrecendo ata 15.000 euros por solicitante,cunha intensidade de ata o 75% do orzamento subvencionable. O seu obxectivo prioritario é promover o talento musical do país, de maneira que se favoreza a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización, co foco posto no uso das novas tecnoloxías e a dixitalización.
Poderán optar a estas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude empresas e persoas traballadoras autónomas que se dediquen ao management artístico ou á edición fonográfica para o impulso ou a consolidación dos artistas e bandas que representen a través de calquera dos ámbitos do proceso musical. Como requisito, deberán contar con oficinas con, cando menos, un ano de antigüidade en Galicia, onde teñen que desenvolver a súa actividade habitual. O prazo de presentación de propostas estará aberto do 25 de marzo ao 24 de abril. Subvencionaranse gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 31 de maio de 2027 que teñan que ver coa imaxe de marca do artista ou banda, estudos de mercado e estratexias de posicionamento, concepción, lanzamento e presentación dun novo produto musical, labores de promoción, ou gravación e distribución de traballos discográficos. Tamén os gastos de deseño de accións en conexión cos valores de igualdade, paridade, diversidade e accesibilidade. Na concesión, valoraranse as traxectorias tanto da empresa como da formación musical para a que se solicita a axuda, así como o uso do galego ou a presenza feminina en postos relevantes do proxecto, entre outros aspectos.
