María Martinón. Fonte: Real Academia Galega de Ciencias
Este mércores 25 de marzo a Real Academia Galega de Ciencias celebra o acto de ingreso na entidade de María Martinón. A paleoantropóloga, actual directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana e codirectora das escavacións de Atapuerca, intégrase como membro correspondente da Academia na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. O compostelán Pazo de San Roque acolle a partir das 18:30 horas o evento, no que o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo será o encargado de realizar a laudatio da nova académica.
Nada en Ourense en 1974, Martinón é doutorada europea en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, especializada en Evolución Humana pola Universidade de Bristol e en Antropoloxía Forense pola Universidad Complutense de Madrid, ademais de catedrática honoraria do departamento de Antropoloxía da University College de Londres. Desde 2008 fai parte do equipo que investiga os xacementos da Serra de Atapuerca, un proxecto que codirixe desde 2025.
O seu ámbito de investigación céntrase na evolución dos primeiros homínidos de Asia e Europa, e no estudo da enfermidade no pasado. Neste campo ten liderado diferentes proxectos internacionais e publicou un cento de artigos en revista de primeiro nivel como Nature, Science, PNAS ou Journal of Human Evolution. Entre os seus achados máis coñecidos está a descuberta do enterramento humano máis antigo de África.




