A economista María Loureiro ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A investigadora especializada en economía da enerxía, ambiental e agraria dará o seu discurso de ingreso

MARÍA LOUREIRO
MARÍA LOUREIRO
A investigadora María Loureiro García (A Pontenova, Lugo, 1972) ingresará hoxe de xeito oficial na Real Academia Galega de Ciencias, cun acto formal no que lerá o seu discurso de ingreso titulado "Economía para tempos nos que o benestar das persoas e o medio ambiente importan". Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago (USC) especializada en economía da enerxía, ambiental e agraria, entra na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais. Este acto de ingreso sucede agora xustamente a coincidir co 2O aniversario da catástrofe do Prestige, sendo Loureiro no seu momento a responsable dun estudo de avaliación da repercusión ambiental do feito.

Loureiro é unha das cinco novas académicas incorporadas á RAGC en 2022, que está a equilibrar a presenza feminina na institución, unha situación que o informe " A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021" situaba nunha cifra inferior ao 20%, unha infrarrepresentación respecto á realidade da presenza da muller no plano científico. Así, ademais de Loureiro, este ano a RAGC concluirá coa incorporación como académicas numerarias de Carmen Isabel Álvarez Lorenzo, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e Herminia Dominguez González, catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo no Campus de Ourense na sección de Ciencias Técnicas. Ademais, como académicas correspondentes, a RAGC tamén rematará o 2022 coas incorporacións de Marisol Soengas González, investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) en Madrid; e Ana Cebreiro Gómez, graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas da USC, e actualmente responsable de tributación internacional no Banco Mundial.