Castelao arrasa nos Premios Mestre Mateo

'Antes de nós' levou os premios e Oliver Laxe tivo o protagonismo durante a gala e fóra dela

| Santiago. Redacción / S. Montes | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Posado dos premiados   Foto: Academia Galega do Audiovisual

Posado dos premiados Foto: Academia Galega do Audiovisual

O filme 'Antes de nós' que narra un dos episodios da vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, foi a produción gañadora indiscutiblemente no reparto dos XXIV Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, pero non foi o mellor filme, iso quedoulle a Sirât, cuxo director Oliver Laxe, presente na cerimonia, foi o protagonista da noite, tanto durante a entrega coma nos espazos exteriores do festexo e no photocall.

Por vez primeira a provincia de Lugo acollía unha das galas de entrega dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. O recinto do novo Auditorio Fuxan os Ventos quedouse pequeno para a celebración que reúne anualmente a un sector en continuo crecemento. As 900 butacas da sala principal cubríronse e ademais este ano o evento contaba cunha salas anexa con 300 butacas para dar a oportunidade ao público xeral de vivir de cerca o ambiente dos premios, tamén esgotou os convites. A distribución dos espazos de entrada e o lobby distribuía aos asistentes por todo o edificio, nunha festa que comezaba cos posados dos finalistas e remataba, xa de madrugada cos sons electrónicos da banda sonora asinada por Kangding Ray para Sirât, gañadora do Mestre Mateo, da man de Señora DJ. Nese espazo a presenza de Oliver Laxe entre os asistentes era un dos focos de atención, sendo a verdadeira estrela da noite con quen todos querían unha foto.

 

O filme Antes de nós chegaba á fase final con dezaoito candidaturas e acadou trece recoñecementos entre as categorías artísticas e técnicas, igualando así a marca histórica de Dhogs nos Mestre Mateo de 2018. Pero malia ser a máis premiada, incluíndo o galardón á mellor dirección para Ángeles Huerta, non foi seleccionada polos membros da Academia Galego do Audiovisual como a Mellor Longametraxe do ano 2025, recoñecemento de peche de gala que recolleu o equipo de Sirât, Oliver Laxe incluído, recibindo a maior ovación da noite co público en pé. O filme de Laxe acadou tamén os premios a Mellor Son para Amanda Villavieja e Mellor Banda Sonora, saíndo do auditorio con tres das once estatuíñas ás que eran finalistas pero percorrendo tanto o guión dos presentadores, sobre todo o propio Oliver Laxe, como estando presentes en varios dos discursos de agradecemento ou no institucional de Lucía Veiga, presidenta da Academia, que agradeceu a Laxe a visibilidade obtida para o talento galego.

 

 

E se Sirât e Laxe recibían a máxima atención, Antes de nós recibía simpatía e premios, reivindicando tanto a figura de Castelao como a importancia das producións feitas en galego. Entre os galardóns conseguidos polo filme figuran os de dirección para Ángeles Huerta, quen recolleu o seu segundo Mestre; guión para Pepe Coira; dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e perruquería para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe a Lucía Iglesias; así como os premios de interpretación, tanto protagonistas para Cris Iglesias e Xoán Fórneas, como de reparto. Precisamente nesta última categoría interpretativa produciuse un dos momentos máis inesperados da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de reparto ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro. Especialmente emotiva foi a entrega do premio a Mellor interpretación masculina de reparto a Miquel Ínsua por Antes de nós, falecido este ano, cuxa lembranza estivo moi presente durante o acto e converteu o momento nunha das homenaxes máis sentidas da noite.

 

 

No conxunto das categorías profesionais, a presenza feminina foi especialmente salientable: 11 dos 16 galardóns foron recollidos por mulleres, o que supón preto do 70 % dos premios, consolidando unha tendencia de crecente protagonismo feminino no sector audiovisual galego. A noite estivo musicalmente marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz, na continuidade e Mondra, que ademais de dúas actuacións que puxeron o toque máis moderno no evento, foi que entregou ao dúo Fillas de Cassandra o premio por Hibernarse a Mellor VideoClip Musical, que el mesmo levou o pasado ano. O evento, presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez, contou coa presenza das principais autoridades locais e institucionais. Ademais, por terceiro ano a ministra de Traballo, Yolanda Díaz e o conselleiro de Cultura, José López Campos, que volveron a arroupar ao sector audiovisual galego. A noite estivo tamén marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz e Mondra.

 

 

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo un firme chamamento contra a guerra no seu discurso e reivindicando un claro "non ás guerras" desde o sector audiovisual. Esa foi a principal reivindicación social da noite nas intervecións deste ano tras a exitosamente finalizada etapa "Altri Non". Veiga subliñou tamén a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e reivindicou o traballo das distintas asociacións profesionais na defensa dos dereitos e da cultura galega.

 

 

Que che parece esta nova?
157 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves