O filme Sirât, de Óliver Laxe, saíu dos Premios Feroz con só dous dos sete galardóns aos que optaba. Os premios que entregou este sábado 24 en Pontevedra a Asociación de Informadores Cinematográficos de España recoñeceron esta produción cos premios á mellor música orixinal, para Kanding Ray, e ao mellor trailer para Aitor Tapia.
O filme de Laxe non conseguiu facerse con ningunha das categorías principais ás que estaba nomeado, entre elas as de mellor película dramática, mellor dirección, mellor actor principal ou mellor guión. Marchou tamén de baleiro o filme Rondallas que aspiraba ao premio ao mellor filme de comedia. Os domingos de Alauda Ruiz de Azúa impúxose como grande vencedora da noite ao se facer con cinco dos nove recoñecementos aos que estaba nomeada.




