Unha gala no Teatro Colón lembra a compañía Tespis

O grupo tivo un papel fundamental no desenvolvemento da escena galega entre os anos 60 e 80

| Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatro
Compartir:
Unha gala no Teatro Colón lembra a compañía Tespis

A Deputación da Coruña homenaxea este 23 de marzo a compañía teatral Tespis, referente das artes escénicas galegas durante os anos 70 e 80. Unha gala no Teatro Colón lembrará o traballo deste colectivo, do que entre 1965 e 1984 participaron nomes como Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Víctor L. Mosqueira ou María Pujalte.

O encontro, que se desenvolve a partir das 20 horas e ten acceso de balde, reúne intervencións institucionais e do sector teatral con proxeccións audiovisuais e música ao vivo nunha posta en escena creada especificamente para a ocasión con preto de 40 profesionais. No transcurso do acto lerase tamén un manifesto con motivo do Día do Teatro, que se conmemora o vindeiro día 27. O investigador Francisco Oti Ríos, autor do libro Tespis e o contexto teatral coruñés, corre coa dirección artística da homenaxe.

 

Na presentación do acto, a deputada de Cultura da Deputación, Natividade González Rodríguez, destacou que "Tespis non foi só un colectivo teatral: foi unha sementeira de ideas, de encontros e de experiencias compartidas" que "abriu portas a novos discursos" coa súa aposta por textos de vangarda, autores exiliados ou, a partir de 1974, o emprego do galego sobre as táboas. A traxectoria da entidade levouna a ser considerada a compañía oficial da Deputación da Coruña.

De xeito paralelo, a esta homenaxe, o organismo provincial promove unha campaña de dixitalización de materiais históricos sobre a compañía para a que chama á participación de todas as persoas interesadas na memoria teatral.

Que che parece esta nova?
121 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves