O Consello da Cultura dixitalizará os fondos musicais do crego Javier Méndez

A entidade recibiu partituras e 200 bobinas de audio coa produción deste renovador da liturxia en galego

| Santiago. Redacción | Seccións: música
Compartir:
Javier Méndez Pérez-Fanego. Fonte: Consello da Cultura Galega

Javier Méndez Pérez-Fanego. Fonte: Consello da Cultura Galega

O Casino Ferrolán acollía na mañá deste 18 de marzo a cesión ao Consello da Cultura Galega (CCG) dos fondos musicais do crego Javier Méndez. A familia do sacerdote entregoulle á institución un legado que comprende decenas de partituras e unhas 200 bovinas de audio nun avanzado estado de deterioro nas cales se recolle grande parte da produción musical de Méndez, considerado un nome fundamental na renovación da liturxia en galego na segunda metade do século XX. O CCG encargarase de dixitalizar e dar a coñecer este patrimonio a través do Arquivo Sonoro de Galicia.

Segundo lembra o Consello da Cultura, Javier Méndez Pérez-Fanego, nado en Neda en 1937 e falecido en Santiago en 1983, "foi un sacerdote e músico relevante que contribuiu a consolidar o galego como lingua de expresión relixiosa e elaborou un repertorio musical cristián que continúa a interpretarse na actualidade". 
 

As composicións de Méndez, segundo sinala a institución cultural "destacan pola súa orientación pastoral e polo uso normalizado do galego na celebración. Entre as súas obras máis representativas atópanse Os salmos pra nosa terra (1971), A misa do pobo de Deus (1974), que supón unha das primeiras configuracións completas da misa en galego, a incluír pensada para coro e participantes ou a colección de himnos do breviario In himnis et canticis. Destacan tamén pezas como o Requiem galego(1982) ou Xurdirá, unha compilación de cantos que acadou ampla difusión en parroquias e movementos cristiáns galegos nos anos setenta. O CCG apunta que "as súas obras caracterízanse por melodías sinxelas, estruturas repetitivas que facilitan a aprendizaxe colectiva e unha clara intención de inculturación da liturxia no ámbito galego".

 

Ao abeiro das propostas do Concilio Vaticano II (1962–1965), que promoveu o uso das linguas vernáculas na liturxia e unha maior participación da asemblea, o crego apostou por "adaptar a tradición musical relixiosa ás necesidades pastorais do seu tempo, elaborando un repertorio en lingua galega pensado non para a interpretación especializada, senón para o canto comunitario nas parroquias". 

 

Nado nunha familia con fonda tradición musical, estudou no seminario de Mondoñedo e na Universidade Pontificia de Comillas. Ordenado en 1963, iniciou o seu ministerio en parroquias rurais de Cabanas (Viveiro), pasando despois a Ferrol, onde desenvolveu unha intensa actividade pastoral nas parroquias de Nosa Señora do Carme e San Xiao. Logo duns anos en Madrid, onde perfeccionou na súa formación musical, en 1983 foi nomeado mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela, cargo que só ocupou dez meses e desde o que impulsou a escolanía catedralicia e compuxo pezas para as grandes solemnidades.

Que che parece esta nova?
211 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ferrol, Arquivo Sonoro de Galicia, Consello da Cultura Galega, Catedral...