A MICE recoñece a Berio Molina e a Sabrina Fernández Casas

A Mostra de Cinema Etnográfico outorgoulle a Laura Gonçalves e Alexandra Ramires o seu premio internacional

| Santiago. Redacción | Seccións: audiovisualpatrimoniosociedade
Compartir:
A MICE recoñece a Berio Molina e a Sabrina Fernández Casas

Este domingo 15 de marzo a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico fechaba en Santiago de Compostela a súa vixésima primeira edición coa entrega dos galardóns. No palmarés, a produción portuguesa Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires fíxose co Premio á Mellor Película da Sección Internacional. 

Canda a elas, o galego Berio Molina alzouse co galardón á Mellor Película da Sección Galicia por Furada Negra, mentres o premio á Excelencia Etnográfica foi para Alboroque, de Sabrina Fernández Casas. Segundo apunta o fallo do xurado "as obras recoñecidas nesta edición comparten unha mirada atenta ás transformacións sociais, económicas e culturais dos territorios -desde fenómenos como a turistificación ou a migración ata a relación co patrimonio e coa vida comunitaria- abordadas desde propostas cinematográficas moi diversas". A cineasta e montadora Iria Silvosa, o crítico Denís Area e a antropóloga Bibiana Martínez Álvarez compuxeron o comité encargado de seleccionar as propostas vencedoras nesta edición. 

 

De xeito máis concreto, de Percebes destaca a "capacidade de narrar desde a mirada do particular ata abrir unha reflexión máis ampla sobre a dependencia económica do turismo e a perda de identidade como pobo, así como polo maxistral emprego da animación mesturada coas voces reais da veciñanza do Algarve". Furada Negra, de Berio Molina, á súa vez, foi recoñecida "polo tratamento do material de arquivo e, en especial, polo traballo sonoro que constrúe, co que revisita de maneira poética o carácter histórico e simbólico do patrimonio natural". Finalmente, en Albaroque valorouse "a capacidade para construír o relato e a análise etnográfica mediante recursos fílmicos e narrativos que revelan múltiples capas da realidade, desde as consecuencias das permanencias e das ausencias provocadas pola migración no contexto rural ata o contraste entre o traballo forestal e o industrial, así como a importancia da dimensión comunitaria".

Que che parece esta nova?
126 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

O Colectivo Nemo organiza o seu XXI Ciclo de Fantasía e Ciencia-Ficción, adicado a Star Trek. O ciclo enmárcase dentro da tertulia viguesa do xénero fantástico.
Os xoves a partir das 21:30 h no Café UF (Rúa do Pracer 19, Vigo) Star Trek V: La última frontera (William Shatner, 1989)

Para trekkies

Universos

Claves