Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela serán os comisarios da XXXIII Bienal de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra seleccionou a súa proposta para o vindeiro evento, que se celebrará no verán de 2027

| Santiago. Redacción | Seccións: arte
Compartir:
Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela. Fonte: Deputación de Pontevedra

Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela. Fonte: Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra daba a coñecer este venres 13 de marzo a resolución do concurso público para comisariar a 33ª Bienal de Pontevedra. O xurado seleccionou o proxecto de Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela para o evento entre os catro finalistas do certame. Os dous gañadores contarán cun premio de 10.000 euros como anticipo dos honorarios fixados para esta tarefa, cifrados en 70.000.

Segundo sinala a Deputación, a dos seleccionados constitúe "unha proposta sólida desde o punto de vista conceptual, curatorial e técnico, cun discurso ben articulado que establece unha forte conexión co territorio, a paisaxe e as tradicións culturais". O xurado valorou en particular "a capacidade do proxecto para trasladar un relato histórico e simbólico ao presente mediante unha formulación contemporánea e accesible, así como a súa atención á produción local, a incorporación de artistas emerxentes e o potencial para fortalecer a proxección cultural da Bienal".

 

Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, presidiu o comité de selección de proxectos, do que fixeron tamén parte Nuria Enguita, directora do Museo de Arte Contemporáneo de Lisboa, e Susana González, directora do Centro de Arte e Colección da Fundación María José Jove, ademais de Carlos Cuadrado, secretario xeral da Deputación de Pontevedra.

 

Ángel Calvo Ulloa, nado en Lalín, ten traballado como comisario en recoñecidos espazos como a Sala Alcalá 31, La Casa Encendida ou Tabacalera de Madrid, asi como en Caixaforum (Barcelona), MARCO (Vigo), a Fundación Seoane da Coruña, o Artium de Vitoria-Gasteiz ou o CCEMx en Cidade de México. O Sevillano Juan Canela, á súa vez, é curador xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá e membro do Comité asesor do Instituto Cader de Arte Centroamericana do Reina Sofía e desempeñou o labor de curador no programa Encontros en Artbo Bogotá (2025), canda a proxectos en Oslo, Barcelona ou Madrid entre outros espazos. A 33ª Bienal de Pontevedra celebrarase entre maio e agosto de 2027 cos edificios do Museo de Pontevedra como bases principais e, como novidade, unha sede en Vigo, na Sala de Exposicións da Sede Afundación.

Que che parece esta nova?
162 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves