Imaxe da exposición Un país ilustrado. Fonte: Galaxia
Existen deseños de coleccións que resultan inmediatamente recoñecibles para toda a xente que le en galego. Capas que se constituíron en auténticas iconas da nosa cultura e que fican durante décadas vencelladas a obras concretas das letras do país. A reivindicar a importancia histórica deste patrimonio gráfico, a editorial Galaxia, a Fundación Penzol e mais o MARCO de Vigo abrían este 30 de xaneiro a exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia.
Desde 1950, ano en que colleu a bandeira da edición en galego, a Editorial Galaxia leva dándolle forma á creación literaria do país. Parte desta responsabilidade implicou desenvolver a gráfica de obras que se conventeron en clásicos das nosas letras. Ao abeiro das conmemoracións polos 75 anos da editora, a mostra Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia pon o foco nos principais fitos do deseño da firma ao tempo que amosa desde o pasado 30 de xaneiro a evolución na maneira en que a nosa sociedade percibiu os libros ao longo deste período.
Os nomes e as formas
Segundo lembra Xurxo Martínez González, comisario do proxecto, a mostra está artellada en catro paneis, cada un deles con 20 obras, que recollen o traballo dos principais responsables de deseño da empresa. Xohán Ledo, entre 1950 e 1979, Francisco Mantecón, de 1979 e 1985, Manuel Janeiro, que colaborou co anterior varios anos e seguiu a definir a identidade visual da empresa ata 2010, e Hayat Hussein, que colleu esta función desde ese ano ata a actualidade, son os nomes propios que definiron a imaxe de Galaxia ao longo da súa historia. Canda a estes exemplares, "ademais hai uns dez libros para público infantil, outros 4 da colección Arte Novo dirixida por Luís Seoane, e outros 16 correspondentes a cubertas de obras clásicas de Galaxia interpretados por cada deseñador", detalla Martínez. A eles súmase unha mesa dedicada á censura e outra á tradución con dez exemplos cada unha, a totalizar algo máis de cen títulos en exposición. Á hora de seleccionar no catálogo editorial a selección de capas que deron forma á mostra optouse por aplicar diferentes criterios ás distintas estapas. "No caso de Xohán Ledo cada libro pertence a unha colección distinta: Trasalba, Salnés, Illa Nova, Agra Nova… Para Mantecón, son os libros publicados no período de implementación do autogoberno galego e, por tanto, da cooficialización do galego", explica o comisario. "Para Janeiro, quen máis tempo exerceu a responsabilidade da liña gráfica de Galaxia, son os libros premiados. Por último, no panel de Hayat recóllense os libros máis vendidos nos últimos 10 anos".
O comezo
Aos nomes das diferentes persoas que se encargaron de coordinar o deseño editorial da firma, cómpre sumar a reivindicación doutra cuxo labor neste campo era ata o momento pouco coñecido. "Galaxia recupera a edición do libro galego logo do asasinato de Ánxel Casal e a queima da editorial Nós. Os libros desa primeira época, onde tamén cómpre lembrar o papel de Xaime Isla Couto, a quen dedicamos un espazo propio, son un esforzo de continuidade", apunta o comisario. Segundo lembra a presentación da mostra "Á súa man perténcelle a imaxe corporativa de Galaxia, da Fundación Penzol, de SEPT, da Revista Galega de Economía e de Grial. Ademais disto, fundou a colección Illa Nova (1957), creada para as novas fornadas literarias". Hayat Husein, coordinadora do proxecto e actual responsable de deseño de Galaxia, lembra que "nos inicios tíñase a vontade de construir unha identidade visual e cultural propia. Iso supuxo a busca dunha linguaxe gráfica case artesanal, coa intención de crear marca. O deseñador tiña moita mais liberdade creativa, e iso nótase no produto final, menos condicionado polos filtros actuais do mercado e polas dinámicas comerciais". Deste xeito, "naquelas primeiras etapas predominaban as ilustracións, as formas e o uso expresivo da cor como elementos centrais da composición".
As evolucións
A repasar a historia deste labor, Husein destaca como fitos "da primeira etapa, a construción dunha identidade cultural nun contexto complicado, marcado pola persecución e pola censura. Non foi un camiño doado", asegura. Logo desta etapa inicial, foi mudando a maneira en que se concibía o labor gráfico nos libros. "Máis adiante, a certa liberdade do deseño que había con Xohán Ledo vaise estreitando a un pacto a tres entre deseñador, autor e dirección onde normalmente se prioriza a forma de promoción comercial por riba dun libro máis fetiche, máis tipo coleccionista", explica Martínez. "Da etapa de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro destacaría a elegancia e o minimalismo das cubertas. Foi unha etapa de consolidación da marca", salienta Hayat Husein. Na actualidade "apóstase con máis frecuencia pola fotografía ou por ilustracións a toda páxina, buscando un maior impacto visual nas librarías e unha conexión máis directa co lector" conclúe a responsable de deseño da firma.
As actualidades
Nos últimos anos "vivimos un momento de grande creatividade. Procuramos coleccións con personalidade gráfica definida, seguindo en certa medida a liña marcada por Janeiro, pero cunha visión máis global do proxecto editorial", apunta. Estas variacións históricas, ao ver da deseñadora "son bastante acordes cos cambios do deseño editorial en cada época. Galaxia non foi allea ás tendencias, minimalismo, xeometría, relevancia tipográfica ou protagonismo da imaxe, pero tampouco se deixou arrastrar por iso, sempre seguiu o seu propio criterio, mantense a mesma procura de calidade e coherencia gráfica que definiu a editorial desde os seus comezos".Para alén da evolución visual, Hayat Husein destaca das mudanzas na propia consideración do deseño editorial desde o nacemento de Galaxia. "Mudou moito. Penso que antes era visto como algo secundario, case ornamental. Hoxe é diferente, o deseño permite que o proxecto editorial conecte co lector, e ademáis, é unha parte estratéxica para posicionarse no mercado. O deseño crea coherencia, non é un simple envoltorio".
Ollar os cambios
A amosar estas mudanzas, para alén de incidir nas peculiaridades do deseño de cada etapa, a mostra aposta tamén por pór de relevo as diferentes vestimentas que tiveron moitos dos títulos xa clásicos que lanzou a editora durante a súa traxectoria. "Na mesa central da exposición expuxemos libros clásicos cos diferentes deseños que tiveron ao longo dos anos. Está o Merlín e familia ou A lus do candil", lembra o comisario. "Ao telos diante un percibe esa evolución: do traballo artesanal á incorporación das novas tecnoloxías. Ademais dos gustos propios de cada deseñador, como a xeometría en Mantecón ou a clave conceptual en Janeiro, tamén se deixa mirar o avance do protagonismo da imaxe por riba da composición ou o colaxe".
Ao seu ver, "isto débese, en parte, aos criterios dos distintos directores de Galaxia ao longo dos anos. Cada etapa marca un período tamén estético, de renovación, de experimentación ou de vangardismo. Na miña opinión coido que no contraste da primeira etapa de Ledo a actual de Hayat se deixa mirar como o artesanal deixou sitio ao dixital. En ambos casos, a cuberta segue a ser o resultado dunha reflexión previa, dun traballo intelectual. A diferenza está nas ferramentas que usan Ledo e Hayat, pero tamén no tipo de papel, a gramaxe, a escolla do material da cuberta, as lapelas etc. Todo iso tamén forman parte da imaxe do libro. O contacto físico dun lector ou lectora co produto, o olor, a sensación que transmite ao abrilo… En definitiva, o público en cada etapa percibirá, dende a súa propia experiencia lectora, matices propios".
Iconas culturais
A importancia histórica que o proxecto editorial acadou na nosa cultura deixouse sentir, de xeito inevitable, no deseño dos libros. "Galaxia é mais que unha marca, é historia cultural de Galicia. A súa identidade visual está conectada dende os seus inicios ata hoxe. Xaime Isla, Xohán Ledo, Francisco Mantecón, Manuel Janeiro e agora eu", apunta Hayat Husein, "fomos concientes dese peso histórico. Cada quen actualizou a linguaxe gráfica segundo o seu tempo, xa sexa pola incorporación de novas tecnoloxías, a influencia do mercado ou respondendo ás novas demandas, pero sempre se tivo en conta a responsabilidade de coidar a identidade visual de Galaxia". Para alén desa influencia sobre o traballo das persoas encargadas do deseño, os propios produtos da editora deixaron unha importante pegada na memoria visual da sociedade galega. Segundo lembra Martínez, "a cuberta dun libro establece a primeira ligazón visual coa obra literaria e, ás veces, co propio autor ou autora. Os libros deseñados por Janeiro, dada a súa longa traxectoria en Galaxia, marcaron a imaxe do libro desta editorial para varias xeracións. Cantos de nós lemos libros clásicos ou novos publicados por Galaxia entre os anos 80 e a primeira década do 2000?" recoñece. Deste xeito "hai cubertas que conquistaron a nosa memoria visual: Merlín e familia de Cunqueiro, a colección Illa Nova, as obras completas de Castelao ou Risco ou o uso de cadros de pintores galegos para cubrir os textos literarios de autores clásicos", con traballos de Díaz Pardo para a Biblioteca Otero Pedrayo, Luís Seoane a ilustrar a Biblioteca Neira Vilas ou Arturo Souto a Biblioteca Rafael Dieste.
Seleccións
A atender, para alén de cuestión estéticas, ao propio gusto literario, Martínez destaca que na historia da editora "hai certos títulos que resultan especiais. Por exemplo, na colección Salnés está Nenias de Aquilino Iglesia Alvariño, un grandísimo poeta coido que poouco recoñecido; Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel, que presenta uns bordes dun azul tipo cobalto de pincelada solta moi bonitos; Elipsis e outras sombras de Ferrín, pola historia de censura que agocha tras de si (o relato de “Elipsis”, que dá título ao libro, foi censurado e non aparece no libro pero Ferrín mantívoo cunha nota de autor moi rechamante); a edición de A lus do candil de Fole, feita por Janeiro que foi o seu primeiro deseño para Galaxia; os libros da colección Dombate de poesía; ou a cuberta do último premio Galaxia, O lanzador de coitelos, de Fernando Castro". Husein, á súa vez, salienta de toda a produción da editora que "os primeiros títulos fundacionais teñen un valor simbólico incalculable, máis alá do seu aspecto formal" e apunta tamén que "a tradución do Principiño ao galego, as obras de Álvaro Cunqueiro ou Domingo Villar son para min especialmente significativas. Penso que deixaron unha pegada profunda". Para ter unha selección persoal de capas favoritas entre este cento de propostas, só hai que se achegar ao MARCO de Vigo ata o 17 de maio, observar, e escoller.
Doce capas da historia de Galaxia seleccionadas por Xurxo Martínez (6 primeiras) e Hayat Husein (6 últimas)













