Unha mostra no Gaiás recupera o arquivo persoal de Luísa Villalta

O proxecto constrúese grazas á doazón dos fondos persoais da escritora por parte da súa familia e reúne máis de 60 pezas

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaExposicións
Compartir:
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición

O Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolle desde hoxe a exposición Mulleres Sobranceiras. Luísa Villalta. Música, palabra e compromiso. Trátase dunha mostra que recupera parte dos fondos persoais da autora, recentemente cedidos pola familia, e que pode visitarse ata o vindeiro mes de decembro. A iniciativa encádrase na programación da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller. Esta exposición afonda na traxectoria da autora a través de máis de 60 pezas entre as que se atopan borradores das súas obras, notas, correspondencia con outros escritores e escritoras e folletos e programas de actos nos que participou, así como algunhas das súas publicacións.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi escritora, música, tradutora e docente. Como escritora practicou, ademais, múltiples xéneros: a poesía, o teatro, o ensaio e o xornalismo de opinión. En 2024 dedicáronselle as Letras Galegas, momento no que a Biblioteca de Galicia acolleu a mostra Luísa Villalta. A memoria dos sons. Cada ano, en conmemoración do Día Internacional da Muller, o Arquivo de Galicia artella unha exposición para, a través dos seus fondos, poñer en valor o traballo das mulleres galegas en distintos ámbitos ao longo da historia. Así, coa serie Mulleres Sobranceiras xa se homenaxeou a figuras como Luz Pozo Garza, Concepción Arenal ou Olga Gallego Domínguez. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a mostra acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, de Susana Villalta, irmá da homenaxeada, e por María del Mar García Miraz e Miguel López Sánchez, comisarios da exposición.

Que che parece esta nova?
53 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves