As revelacións da restauración

Os materiais restaurados do castro da Cividade achegan información sobre a cultura e a evolución do xacemento

| Santiago. Redacción | Seccións:
Compartir:
Conteira e moeda tardorromana do castro da Cividade. Foto: Árbore Arqueoloxía

Conteira e moeda tardorromana do castro da Cividade. Foto: Árbore Arqueoloxía

O castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade) está a ofrecer unha rica e destacada cultura material da que hai novidades. A restauración dos obxectos metálicos recuperados na última campaña ofreceron unha interesante visión da cultura material da Idade do Ferro e algunhas pistas sobre as etapas menos coñecidas do xacemento. 

"A peza máis destacada é unha conteira", explica Elena Taboada, arqueóloga de Árbore Arqueoloxía, "son os estremos de metal da funda de coiro dos puñais, que se facía para protexelos e que a punta non perfore". Taboada pon exemplos dalgunhas conteiras recuperadas. "Son moi típicas nos puñais de antenas", explica, "aínda que esta peza debía ser máis pequena". O máis interesante da peza son os motivos con círculos concéntricos que falan das conexións culturais das xentes da Idade do Ferro coa paisaxe que os rodeaba, chea de arte rupestre con motivos circulares. Taboada considera que por coherencia co resto dos achados, esta conteira de puñal pode ser da segunda Idade do Ferro e próxima ao cambio de era. 

Non foi a única peza. "A última campaña foi pequena pero o castro dá tanto material que estamos tentando tirarlle a máxima información posible", explica. "Mandamos analizar, landras, sementes, e outros materiais metálicos". Entre eles unha doa de bronce, obxectos con ganchos e mesmo unha curiosa moeda do século III d.C., que suxire unha ocupación tardía do xacemento. "É certo que nos apareceron algúns materiais romanos", sinala a arqueóloga, "pero aínda é unha cronoloxía pouco definida". 

Que che parece esta nova?
186 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

O petróglifo das mil caras

O petróglifo das mil caras

A limpeza da estación rupestre da Eira dos Mouros, no castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade) evidencia os cambios na arqueoloxía galega

Universos

Claves