O petróglifo das mil caras

A limpeza da estación rupestre da Eira dos Mouros, no castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade) evidencia os cambios na arqueoloxía galega

A limpeza da estación rupestre da Eira dos Mouros, no castro da Cividade (Cerdedo-Cotobade) evidencia os cambios na arqueoloxía galega
Vista cenital do petróglifo de Eira dos Mouros. Foto: Árbore Arqueoloxía
Pode un petróglifo amosar cousas distintas cada vez que se mira no lapso duns poucos anos? O petróglifo da Eira dos Mouros, localizado no interior do castro da Cividade, en San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade) mereceu unha especial atención por parte dos pioneiros da arqueoloxía galega, para despois pasar ao esquecemento. Árbore Arqueoloxía acaba de rematar a limpeza desta emblemática estación de arte rupestre e do castro nun proxecto finanaciado polo concello de Cerdedo-Cotobade, cun proxecto baixo a dirección de Benito Vilas. Para a sorpresa dos técnicos, o baleirado documental amosou como foi cambiando a propia visión do petróglifo desde os ollos dos investigadores.

O petróglifo da Eira dos Mouros é unha enorme laxe situada no interior do castro da Cividade, en San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade). A súa propia denominación alude ás características do xacemento: unha laxe moi plana que lembra as antigas eiras das casas tradicionais. "Chama moito a atención no contexto do castro, porque o resto da superficie está chea de grandes batolitos irregulares e a Eira dos Mouros destaca moito", explica Benito Vilas, arqueólogo de Árbore Arqueoloxía. O petróglifo atópase unha especie de socalco de posible construción xusto por baixo da croa do castro e por dentro dun gran foxo que protexe este xacemento, caracterizado hoxe en día por un enorme parapeto e polo seu dominio visual do val do Lérez. "Non é moi frecuente que haxa petróglifos nos castros, aínda que existen bastantes exemplos. Nalgúns casos, coma no castro do Trega (A Guarda) estes motivos parecen ter sido ignorados polos habitantes dos castros, mesmo construíndo por riba", apunta Benito Vilas, "pero non é o caso da Cividade, onde dá a impresión que respectaron a laxe".


Tres curas na Eira dos Mouros, fotografados pro Miles Crawford Burkitt (1930). Foto cortesía do colectivo A Rula

A secuencia de debuxos
O baleirado documental previo ao inicio dos traballos revelou que o petróglifo suscitou unha especial atracción nos primeiros investigadores da prehistoria galega, sendo dun dos poucos destacados polo propio Manuel Murguía xa en 1901, e por outros pioneiros como o pintor e debuxante arqueolóxico Enrique Campo, en 1907, Juan Cabré en 1916, o alemán Hugo Obermaier en 1920 ou o de Ramón Sobrino Buhigas, considerado o pioneiro científico sobre a investigación da arte rupestre galega, nos anos 1930, entre outros. A sona do petróglifo fixo mesmo que Miles Crawford Burkitt, o primeiro catedrático de arqueoloxía prehistórica da Universidade de Cambridge visitara a estación en 1930. El é o autor dunha curiosa fotografía, localizada polo colectivo A Rula, na que tres curas posan ao carón da laxe na que se intúen as gravuras. Non está moi claro que espertaba tanto a atención dos investigadores, pero o feito de estar encravado no interior dun castro resultaba moi atraínte. "Arqueoloxicamente foi moi importante porque Ramón Sobrino observou nel que había diferentes técnicas de gravuras e a partir de aí comezouse a falar das cronoloxías da arte rupestre", explica Vilas.

Os arqueólogos de Árbore Arqueoloxía empregaron toda esa secuencia de debuxos elaborados polos diferentes pioneiros hai máis de cen anos como guieiro nas tarefas de limpeza e adecuación da estación. A secuencia de debuxos e calcos permite ver os rápidos cambios que tivo a disciplina en apenas 30 anos. Por exemplo, nas primeiras imaxes, coma o debuxo de Manuel Murguía de 1901 ou no de Cabré de 1916 non aparecen detalles xeolóxicos: nin as fracturas, irregularidades ou alturas da propia laxe. Porén, na ollada de Obermaier (1920) e de Ramón Sobrino (1930), que xa apostan por unha arqueoloxía máis científica na que os axentes naturais son importantes na acción humana, a xeoloxía e configuración física da rocha aparecen representadas con detalle.


Diferentes calcos e debuxos da Eira dos Mouros. Cortesía do colectivo A Rula

Máis intrigante é outro asunto: cada investigador e cada época parece fixarse en cousas distintas dentro da propia laxe, como se viran o que estaban buscando. "Pero ningún reflectiu a totalidade de motivos que aparecen na Eira", explica Vilas. Na nova aproximación arqueolóxica, que combina as técnicas de fotogrametría dixital co traballo manual, a laxe revelou unha riqueza de motivos descomunal.


A interpretación actual da Eira dos Mouros a partir dos traballos de recuperación. Foto: Árbore Arqueoloxía

"Hai moitos máis dos que aparecen no calco máis detallado, que é o de Ramón Sobrino", comenta Vilas, admirado da profusión de imaxes que están gravadas no castro da Cividade. "Non sabemos por que. Non sabemos se a laxe se continuou gravando despois dos anos 30, ou se simplemente decidiu non reflectir a enormidade de motivos, ou non os viu".


Os lazos de Murguía. Foto: Árbore Arqueoloxía

Os lazos perdidos de Murguía
O número de representacións supera os cen motivos, explica Vilas e, como se decatara Sobrino Buhigas, aprécianse diferentes técnicas e estilos. "Os petróglifos con motivos circulares, de clara filiación prehistórica, curiosamente son os menos abundantes", sinala Vilas, "pero cruces de diferentes tipos, e unhas interesantes formas que parecen grellas". Estas grellas, por exemplo, aparecen moi representadas no calco de Obermaier, quen lles prestou atención porque os relacionaba –erroneamente, a xuízo de Vilas-, con ídolos placa prehistóricos. Aínda que tamén se destacan no debuxo de Juan Cabré ou no debuxo do propio Murguía, pero están máis desdebuxadas no calco de Sobrino Buhigas. "Chamounos a atención un detalle", explica Vilas, "no debuxo de Murguía aparecen uns gravados entrelazados que os arqueólogos posteriores non representaron, non sabemos por que. Pero cando fixemos a fotogrametría puidemos localizar un deles". O petróglifo da Eira dos Mouros parece contarlle a cada investigador cousas lixeiramente distintas.


A Eira a principios do século XX e estado previo á limpeza. Foto: Árbore Arqueoloxía

Por fortuna, "o estado de conservación é bo", indica Vilas. "Esta foi unha zona moi afectada polos lumes pero parece que non provocaron desplacamentos na base". A investigación non aclarou a que época corresponderían os diferentes motivos. Alén das combinacións circulares, os outros motivos poden ser contemporáneos do castro ou plenamente históricos, de diferentes momentos".


O castro da Cividade trala limpeza. Foto: Árbore Arqueoloxía

Un castro con potencial arqueolóxico
Ao equipo de Árbore Arqueoloxía o petróglifo da Eira dos Mouros faille pensar, sobre todo, na relación co castro da Cividade. "Cremos que ten moito potencial arqueolóxico", asegura Vilas. Ademais da posible existencia dun aterrazamento para acoller e arroupar a laxe, Vilas cita os traballos de Ramón Sobrino Lorenzo Ruza, fillo de Sobrino Buhigas. Lorenzo Ruza chegou a publicar unha pequena nota avisando da localización no muro do castro dun "curioso ídolo rupestre de granito, con representación de brazos y rostro" e da existencia dunha "construción semienterrada, "con sinais nas súas pedras de ter sufrido a acción continuada do lume" e que a tradición popular chamaba "o forno dos mouros". Durante a limpeza do castro, os arqueólogos non atoparon polo momento trazas de tal edificio. "Pero é moi interesante porque Sobrino defínea como crematorio, que era o que nese momento se pensaba que eran o que hoxe sabemos que eran saunas castrexas", explica Vilas, "se cadra estea nunha terraza inferior que non puidemos limpar". De ser unha posible sauna, significaría a primeira estrutura deste tipo localizada no sur de Galicia. As saunas galaicas aparecen ao sur e ao norte da área galaica, no norte de Portugal, norte de Galicia e Asturias, pero polo momento non teñen aparecido nunha zona de especial densidade castrexa como é a provincia de Pontevedra. "Podería ter estruturas interesantes, un castro como o do Facho de Donón, cun certo sentido relixioso", aventura Vilas.

Entrementres, podemos achegarnos a unha Eira dos Mouros limpa, mirar para ela e agardar a ver que nos quere amosar a nós.