A bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas (Ourense, 1983) presenta este sábado 7 de marzo ás 18h na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela o seu último espectáculo ROYAL. Esta montaxe está co-creada co artista circense Arturo Cobas que tamén participa na interpretación. A peza combina circo e danza con ritmo, humor, emoción e acrobacias. Trátase dunha mestura do clown poético de Arturo Cobas cos equilibrios en movemento de Paula Quintas, dando como resultado elegancia, enredos e complicidades, nun espectáculo que fará rir e emocionará a toda a familia, ofrecendo unha experiencia artística tan divertida como evocadora. Asiste na direción Natalia Outeiro, "Pajarito", recentemente galardoada co Premio Maruxa Villanueva de interpretación por A Serie Clopen. A entrada é de balde ata completar aforo.




