Natalia Outeiro gaña o Premio de Interpretación Maruxa Villanueva

A actriz foi recoñecida co galardón teatral polo seu traballo en 'Serie Clopen' do CDG

13/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Teatro
Compartir:

Fotografía promocional Serie Clopen. Autor: Miramemira

A actriz Natalia Outeiro Romay, coñecida como Pajarito, ven de ser recoñecida co XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, galardón outorgado polo Concello de Padrón, en recoñecemento pola súa interpretación no espectáculo 'Serie Clopen', coprodución do Centro Dramático Galego e a compañía Pista Catro. O xurado resaltou as habilidades actorais de Natalia Outeiro Pajarito, nomeadamente no ámbito do novo circo, e destacou "o seu traballo cómico para todos os públicos na Serie Clopen, o seu dominio dos tempos en escena e a elegancia do seu humor". 

 Natalia Outeiro "Pajarito" é pallasa, actriz e directora. Artista multidisciplinar, destaca a sta carreira como pallasa dentro e fora da peninsula, cun percorrido xa de mais de 20 anos. Promotora e difusora do circo en Galicia, é socia fundadora da primeira compafiia profesional galega de circo de Galicia, Pistacatro, e colaboradora activa na desaparecida Sala Nasa co grupo Chévere.

O xurado, reunido o 10 de febreiro, ademais de polo alcalde de Padrón, estivo formado por Inma López Silva, escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernándes; Afonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, membro do consello asesor do Centro Dramático Galego e membro do consello de redacción de revistas de teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da Escola Superior de Arte Dramática, dramaturgo e xestor cultural; e a funcionaria do Concello de Padrón María Cruz Taboada, que actuou como secretaria.Natalia Outeiro recibirá un premio en metálico de 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura coa imaxe da actriz Maruxa Villanueva nun acto de entrega que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón.

Que che parece esta nova?
118 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito