Pablo Reboleiro leva o XXI Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva

É a primeira vez que o premio padronés recae nun artista de circo

Pablo Reboleiro Rama no espectáculo
Pablo Reboleiro Rama no espectáculo "Trasno"
O creador e director artístico da compañía Pistacatro, Pablo Reboleiro Rama, ven de ser designado gañador da XXIª edición do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva do Concello de Padrón. O xurado valorou a traxectoria de Pablo Reboleiro como un dos grandes impulsores da renovación do circo en Galicia e, en especial, o seu papel no espectáculo 'Drop', "onde exhibe a capacidade de hibridación do circo contemporáneo, botando man da tradición dos malabares á par doutras disciplinas artísticas". Reboleiro recibirá como premio 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto da actriz Maruxa Villanueva nun acto que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón.

O xurado valora todas as expresións artísticas de Reboleiro ao longo da súa traxectoria como acróbata, malabarista, paiaso, músico, bailarín, actor, etc. Salienta ademais que en ‘Drop’, Pablo Reboleiro achega ao público unha reflexión sobre conceptos da vida contemporánea "como reivindicación do erro e a divulgación das matemáticas". Lorena Couso, concelleira de Cultura e presidenta do xurado, destacou a implicación de todos os seus membros para respectar ano tras ano o espírito dos galardóns, que buscan dar a coñecer unha sobresaínte traxectoria dramática e unha actriz ou actor que destacase polo seu bo facer nunha interpretación recente. Incidiu en que a decisión de outorgarlle o galardón a Pablo Reboleiro tomouse por unanimidade e amosou a súa satisfacción porque recaese nun artista de circo, "unha modalidade que aínda non fora recoñecida". O xurado estivo formado ademais de por Lorena Couso polos profesores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva, Afonso Becerra e Roberto Pascual; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernández; e a animadora social de Padrón, María Cruz Taboada.