Quimeras urbanas

O centro cultural José Ángel Valente de Ourense acolle unha panorámica recente de Xosé Monjardín

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
José Monjardín.

José Monjardín.

"É apenas no húmido humus do noso humor e da nosa humildade onde a humanidade pode labrar a sempre delicada tarefa da esperanza", explica o texto de partida da exposición "Arsenal de la Quimera", co que o artista ourensán José Lino Monjardín presenta 52 lenzos de produción recente no centro cultural José Ángel Valente ata o 9 de marzo. As obras están rexidas todas pola mesma condición: as capas urbanas que se superpoñen sobre o litoral. Os cadros de Monjardín amosan paisaxes con orografías complexas, nas que o mar conflúe coa topografía, pero nelas o urbanismo e a arquitectura outogan o sentido. Monumentos, residencias, estatuas, pontes e portos, pero tamén templos quen sabe se megalitos, faros no horizonte, antigos castelos. Non é difícil buscar na propia experiencia vital do artista, ourensán pero residente na Coruña durante décadas, este encontors entre a terra e o mar. Basta a penas unha viliña pesqueira, se cadra imaxinada desde Malpica e Muxía, para que unha paisaxe natural se convirta nunha escala do humano.

Na estética colorista, naif e rebuldeira de Monjardín atópase tamén unha medida das mariñas tan en boga na pintura flamenca da Idade Moderna, na que a vida urbana sucede nun escenario transtemporal no que destacan templos con hedra, no fondo dos cantís, cargadoiros en primeiro plano, galeóns ao fondo e dramáticas montañas. Se esas mariñas holandesas eran produto das imaxinacións do crepúsculo que anticipaban a sensibilidade romántica, as quimeras de Monjardín prescinde da vista a pe de terra para observar o mundo coa distancia coa que hoxe a tecnoloxía -e con ela, o imaxinario cultural- nolo amosa: coma un videoxogo de estratexia con perspectiva isométrica e ambición por comprender (e controlar) todo. Só que os urbanismos atípicos de Monjardín lémbrannos que cada cidade pode ser un enigma inesperado. 

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Centro Cultural José Ángel Valente, Paisaxe, Ourense, Arquitectura...