Unha mostra en Ourense homenaxea o pintor Zapata

A sala José Ángel Valente acolle a iniciativa ata o vindeiro 27 de marzo

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Unha mostra en Ourense homenaxea o pintor Zapata

O pasado dez de febreiro abría as súas portas Homenaxe a Zapata, a exposición coa que o Concello de Ourense homenaxea este pintor no décimo aniversario da súa morte. A sala José Ángel Valente acolle este proxecto, no que se poden ver 43 obras de diferentes formatos compiladas de coleccións particulares e institucionais.

O autor, aínda que nado na Coruña, estivo moi unido á Cidade das Burgas, onde faleceu de xeito repentino en 2011, aos 55 anos de idade. Segundo explica a presentación da mostra, "Zapata era un artista cun estilo moi persoal e recoñecible. Pintor de gaiteiros, pero tamén de corpos espidos, de viño e música -a través de instrumentos musicais-, buscaba plasmar nas súas obras a alegría da xente á que representaba".

Canda a isto, o Concello lembra que "a obra de Zapata é lembrada pola pluralidade das súas composicións e a súa capacidade para cambiar de rexistro. Bos exemplos desta variedade son a súa exposición Pintura negra e dura de gran formato -sobre o mar de Galicia e as súas mulleres- e Os amores invisibles, que ofrece as tradicións máis ourensás e o seu fermoso outono". A exposición estará aberta ata o vindeiro 27 de marzo.

Que che parece esta nova?
96 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Morte, Concello de Ourense, Mulleres, A Coruña...