O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaban este 26 de febreiro a programación do centro para 2026. A exhibición do óleo A derradeira leición do mestre de Castelao, prevista para o vindeiro verán, preséntase como a grande aposta do centro para a temporada.
Canda a isto, Tilve anunciou para o vindeiro 30 de abril a apertura de Arte en parella. Mercedes Ruibal - Agustín Pérez Bellas que amosará cen obras deste matrimonio, crucial na arte galega de final do século XX. A mostra monográfica José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025, á súa vez, abrirá en xullo para homenaxear este creador nado en Pontevedra. En canto a mostras colectivas, o Museo aposta por xerar diálogos entre a historia e o contemporáneo, co ciclo Infiltracións, da man de Ira Lombardía e Berio Molina, a exposición Bifrontes, en colaboración coa Facultade de Belas Artes, e a dedicada a San Sebastián, que está aberta ata o vindeiro 5 de abril.
A nova Bienal de Artes Vivas, que se desenvolverá do 2 ao 12 de xullo no convento de Santa Clara, a segunda edición do programa de residencias Novos Valores, en colaboración con Matadero Madrid e a Fundación Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas completan as propostas artísticas da temporada.
A nivel arqueolóxico, o Museo instalará neste ano no Claustro do Edificio Sarmiento das obras de épocas románica e prerrománica e iniciará o proceso de actualización das salas de arqueoloxía. Canda a isto, programas específicos para inclusión cultural como Empower Parents, orientado a familias con autismo e Museo Singular, Mirada Plural para persoas con diversidade funcional incorporaranse á programación. Ademais, o centro recuperará a celebración do Memorial Filgueira Valverde despois de nove anos sen se realizar.



