Máis de 300 actividades, a incluír 19 estreas, 15 exposicións e 7 espectáculos exclusivos compoñen o programa do XXVII Salón do Libro de Pontevedra. A cidade acolle entre os días 6 e 22 de marzo unha xeira na que a música será protagonista canda á cultura palestina. Entre as novidades, destaca a primeira edición do OrbilFest, centrado na música para crianzas, que contará con Cé Orquestra Pantasma, RockLab, Trepia ou A Banda dos Insectos.
Unha gala por Palestina da man de Pallasos en Rebeldía abrirá o día 4 o programa, e esta cultura estará presente mediante iniciativas solidarias e a actividades arredor da súa literatura, música e gastronomía. Canda a isto, poderá verse o novo espectáculo de PistaCatro canda a producións exclusivas como a actuación inaugural a cargo de Píscore e do Coro do IES A Xunqueira, o concerto Pedro e o lobo da Sinfónica de Pontevedra, ou o espectáculo para bebés O papaventos de Bisán a cargo de Bonnie Cooper. Un recital de Sés o día 14 e outro de Uxía Lambona e a Banda Molona para a clausura do evento son outras das propostas musicais do programa.
A nivel de exposicións, poderán verse os debuxos da crianzas palestinas en HeART of Gaza, un espazo dedicado a Luz Gallego Nenuca e Manuel Bragado, homenaxeados nesta edición, o traballo da ilustradora Idoia Iribertegui sobre Lorca, as pandeiretas con ilustracións de Sanín, as músicas ilustradas de Laura Romero ou a BD Idol de Alba Chan e Ene entre outras propostas. Mantense no programa o xa habitual desfile da Orbil Parade ou a troca de libros, que este ano terá un importante reforzo organizativo e contará cun picadiscos e un fotomatón.




