A vindeira Lei de Bibliotecas protexerá o patrimonio dixital

A Xunta inicia a tramitación dun texto que quere actualizar a regulación destes centros

| Santiago. Redacción | Seccións: patrimonioliteratura
Compartir:
Imaxe dunha biblioteca galega. Fonte: Consellería de Cultura

Imaxe dunha biblioteca galega. Fonte: Consellería de Cultura

O Consello da Xunta deste 23 de febreiro deu luz verde ao inicio dos trámites para elaborar o anteproxecto da nova Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico. O novo texto substituirá a actual norma, datada en 2012, e elaborarase con consulta ao Consello de Cooperación Bibliotecaria e a ter en conta un proceso de participación pública xa realizado. A intención do Goberno Galego é ter aprobada a nova lei a finais de 2026.

O texto legal, segundo adianta a Xunta, pretende "actualizar e adaptar a regulación destes centros á realidade actual, tendo en conta os cambios sociais na xestión de información derivados da sociedade do coñecemento, da dixitalización e da Intelixencia Artificial". Entre as principais novidades que recollerá este anteproxecto está "a incorporación da regulación, protección e conservación da produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital, realizada ou editada na Comunidade", que a lei vixente non recolle.

 

Para alén desta mudanza, prevese incorporar unha actualización dos servizos bibliotecarios "poñendo especial atención na promoción da lectura e no acceso ao coñecemento en todas as súas manifestacións e canles". A "difusión e promoción do patrimonio lingüístico, o acceso universal á cultura, a alfabetización dixital, a inclusión e cohesión social ou a cooperación con organizacións culturais, educativas e sociais" son outros eixes aos que atenderá o novo proxecto.

 

A regulación do patrimonio bibliográfico do país, a reordenación do sistema e da rede de bibliotecas, a definición dos servizos mínimos que deben prestar os centros, normas específicas de funcionamento ou os dereitos e obrigas das persoas usuarias contarán tamén con novas regulacións. A proposta regulará ademais os requisitos para que un centro se integre na Rede de Bibliotecas de Galicia, e definiranse as competencias de Xunta, deputacións e concellos neste ámbito.

 

Na presentación desta iniciativa, a Xunta de Galicia apunta que "a situación das bibliotecas galegas mudou nestes últimos anos, o mesmo que a xestión dos procedementos, ao converterse en espazos non só de acceso á lectura e á cultura para todas as persoas, senón tamén en lugares de convivencia social, de acceso libre e igualitario ao coñecemento e uns dos lugares onde se constrúen os novos valores sociais".

Que che parece esta nova?
233 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Bibliotecas, Goberno Galego, Intelixencia Artificial, Xunta de Galicia