Entrada da exposición
Non hai un Ferrol, senón moitos. Iso é o que amosa a exposición "Ferrol no pasado. A vida cotiá" que, promovida pola Asociación de Amigos do Museo de Ferrol e o propio concello, abriu o venres pasado no centro cultural Torrente Ballester de Ferrol. A exposición combina en medio millar de pezas a ollada artística de medio cento de pintores e debuxantes ferrolás e os fragmentos de escritores e xornalistas da cidade, cos obxectos da vida cotiá que dan conta da vida popular da cidade a través dos seus barrios. A exposición está comisariada polos historiadores Guillermo Llorca e Esperanza Piñeiro de San Miguel e estará aberta ata o 13 de abril.
Un estímulo para o futuro
Segundo Guillermo Llorca, o obxectivo da mostra é "poñer en valor unha mínima parte do inmenso patrimonio da nosa cidade, alentar á actual corporación municipal para que puxera todos os medios posibles para que o ansiado Museo da Cidade de Ferrol fose unha pronta relaidade, actuar de estímulo para que moitos ferrolás depositen o seu patrimonio familiar no Museo da Cidade".
.
Da arte local á vida cotiá
A exposición está composta por pinturas, fotografías, textos e obxectos que amosan a vida corrente do século XIX, o que inclúe oficios tradicionais, costumes e o modus vivendi dos ferroláns de anteriores xeracións. Desde a concellería de Cultura do concello de Ferrol salienta que "as pezas e obras expostas foron facilitadas tanto por artistas como por veciños e veciñas da cidade que quixeron colaborar para que ferroláns e visitantes poidan coñecer como eran tempos pasados tanto no ámbito urbano como rural". Deste xeito, a asociación traballou con numerosos veciños dos barrios de Ferrol Vello e Canido, a Magdalena e Esteiro, para continuar por "Fóra de portas", como se coñecía ao resto do concello de Ferrol.
A exposición dedica unha sala ao tempo de lecer, con música e xogos no barrio da Magdalena, corazón do Ferrol ilustrado e "motor económico, comercial, social e cultural", prestar atención aos negocios familiares, ao comercio e á fabricación. Precisamente o comercio é moi relevante, tanto o que se fornecía dos cultivos dos arredores coma do que entraba na cidade do exterior polo porto de Curuxeiras. Amósanse " imaxes e obxectos do Mercado Municipal, así como dos emblemáticos establecementos Bazar de El Teatro, El Rápido, Casa Amador, o Economato de Bazán e o Supermercado San Antonio (primeiro que existiu na cidade).
Os oficios populares detéñense nas xentes da terra e do mar, con útiles e ferramentas dos mariñeiros e dos labregos, e presta unha atención especial aos oficios de mulleres: "leiteiras, lavandeiras, costureiras, amas de cría e empregadas do fogar". De xeito metafórico, a mostra remata cunha mostra de reloxos da cidade; a cultura técnica e industrial de Ferrol favoreceu a existencia de reloxeiros afeccionados e profesionais, mesmo de gran reputación coma andrés Antelo. Os reloxos funcionan como unha metáfora de como a propia mostra debe ser percorrida: "gocen con calma dos cadros, das fotografías, dos obxectos que rodearon a vida dos nosos pais e avós. A vida de Ferrol tal como era daquela".


