O Pazo de Goiáns, en Boiro, acolle os vindeiros 28 de febreiro e 1 de marzo a décimo novena xeira do Encontro Arqueolóxico do Barbanza. A prehistoria concentra boa parte das intervencións desta iniciativa, que abrirá cunha conferencia de Ignacio Martínez Mendizábal, codirector do equipo de investigación de Atapuerca, a facer un repaso polas investigacións que se desenvolven desde hai catro décadas na Sima dos Ósos.
A primeira xornada contará tamén con Antonio Salas Ellacuriaga, especializado en xenética de poboacións, que falará sobre pegadas africanas na poboación galega actual desde a Gallaecia romana. Precisamente a evolución deste período ata o feudalismo no noso país protagonizará a intervención de Mario Ramos Soriano, á que seguirá o reporte de Elena Taboada Durán e Nerea Vilariño Salgueiro sobre as escavacións que está a desenvolver Árbore Arqueoloxía na Torre de Meira, en Moaña.
Desde o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), David García Casar tratará a arqueoloxía das paisaxes gandeiras na Serra do Suído durante a época moderna, mentres Hugo Bal García falará encol da "Subsistencia e biodiversidade nas Serras Orientais de Galicia ao longo do Plistoceno superior (ca. 130,000 – 12,000 BP)". Os xacementos prehistóricos da Cova do Santo, en Pardollán, e a Pena Xiboi, en Parga, protagonizan o relatorio de José Ramón Rabuñal, Mikel Díaz-Rodríguez e Diego Lomabo, mentres Jadranka Verdonkshcot abordará os últimos achados na investigación sobre a paisaxe megalítica da Serra do Barbanza, a fechar a primeira xornada.
Para o día 1 María José Iriarte abrirá o Encontro a falar sobre as sociedades prehistóricas do norte da Península Ibérica e a súa evolución nunha contorna en mudanza. Aroa García Suárez encargarase de explica a vida cotiá en Çatalhöyük e outras comunidades neolíticas de Turquía. Sara Garcês será a responsable de fechar esta edición a presentar a "Investigação e Divulgação da Arte Rupestre do Complexo do Vale do Tejo e do Vale do Ocreza: Metodologias e Perspetivas".

